TURISMO

A Santiago, en carro

21/08/2008 Un grupo de 30 peregrinos da localidade alacantina de Benissa chegaron a Compostela despois de facer parte do Camiño cos seus carros levados por cabalos. Rematado o seu percorrido e chegados as chamativas carruaxes á praza do Obradoiro, foron recibidos polo concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Iglesias.

No Salón Nobre de Raxoi, houbo entrega de agasallos, procedentes do concello de Benissa e dos outros municipios participantes nesta ruta. Pola súa parte, o Concello cedeu unha serie de libros que irán ás bibliotecas destes lugares. Despois, Xosé Manuel Iglesias deulles a benvida a Santiago e convidounos a ver a praza do Obradoiro dende os balcóns do Concello e a coñecer algunhas das estanzas do Pazo de Raxoi.

Esta peculiar expedición pertence ao colectivo Amigos do Carro de Benissa e está integrada por persoas de diferentes idades, dos 8 ao 67 anos. A maioría son da localidade alacantina, pero tamén chegaron ata Santiago cidadáns alemáns ou holandeses e doutras zonas de España. Cada un deles tiña encomendada a súa función neste percorrido. Os peregrinos tamén foron recibidos en Santiago por moitos dos seus familiares e veciños.

Compartir: