CULTURA

Os parques de Compostela soan a jazz e a música oriental da man do pianista francés Pascal Neveu

20/08/2008 Nos parques de Compostela soa esta semana a improvisación sobre jazz, clásica e música oriental do pianista francés Pascal Neveu. Os composteláns que pasen polo parque de San Roque o mércores 20, ás 21:00 horas terán oportunidade de gozar da proposta de Neveu, que quere que a xente reciba a música dende un punto de vista diferente e nunha posición máis relaxada do habitual nos clubes de jazz. O músico francés ofrecerá o xoves 21 no parque de Galeras e o venres 22 na Ferradura dúas novas actuacións, nunha dobre sesión ás 12:30 e 21:00 horas.

Pascal Neveu pasea o seu piano, a súa música, polos parques europeos dende 2005, cando decidiu ofrecerlle ao público a oportunidade de elixir espazo e a postura máis axeitados para recibir a súa proposta musical. "Hai distintas solucións para o público nos meus concertos", explica o músico, "algunha xente queda de pé ao lonxe, outra achégase ao piano, outra déitase na herba ou séntase nun banco... Gústame ofrecerlles a posibilidade de vivir unha perspectiva pouco habitual da natureza ao mesmo tempo que descobren ou redescobren o piano, a música, o jazz".

Ao igual que no resto das actividades programadas dentro do Festival dos Abrazos, para Neveu a relación entre a arte e o espazo no que se produce é fundamental. "A música embelece o espazo e o espazo embelece a música", sentencia. O espazo tamén repercute, segundo asegura o músico, na recepción da experiencia artística por parte do público: "cando a xente escoita o piano nun espazo pouco habitual sinte con máis forza a improvisación, sinte a música agromar diante dos seus ollos, sinte que vive a creación artística, que forma parte dela". Neste sentido, Neveu afirma que nos seus concertos non hai estrutura previa nin lista de temas para interpretar e que os seus espectáculos son sempre diferentes, porque teñen a dobre influencia do espazo e do público.

Para el "cada actuación é unha viaxe, unha busca apaixonante para o artista e para o público". "Algunhas veces creo no momento, poño as miñas mans sobre o piano e escoito o que el ten que dicir", explica, "e outras veces comezo cunha pequena composición previa sobre a que improviso unha integración de jazz, música clásica e música oriental". Neste sentido, Pascal Neveu recorda que os seus concertos no Festival dos Abrazos forman parte dunha proposta "moderna, interesante e alentadora" na que "o músico toca tanto para o público como para o espazo, para crear un ambiente concreto nun espazo concreto que a xente que habita ese espazo pode gozar como ela queira".

Música, circo, audiovisual e teatro de rúa
O xoves 21 chega a Compostela a proposta de músicas minúsculas de Chico Hugo, que actuará ás 12:30 e ás 21:00 horas no xardín de Fonseca. Ademais, a proposta de investigación musical de Vítor Gama, Pangeia, continúa na igrexa de Santa María do Camiño, cunha mostra de instrumentos que ficará aberta ata o día 22 en horario de 10 a 14 e de 16 a 18 e coa derradeira actuación do músico luso-angolano ás 20.30 horas. O trío Vaamonde, Lamas e Romero, ás 20:30 horas na Vía Sacra, e o Xosé Miguélez Jazz Project, ás 22:30 horas en San Paio de Antealtares, completan a proposta musical do día no Festival dos Abrazos.

O circo encherá ás 19:30 horas a praza de San Martiño Pinario, con Ringorrango, e o teatro de rúa correrá un día máis a cargo de Quinquilláns, que ofrecerán un espectáculo de rúa que partirá ás 22:30 horas da praza de Praterías.

Finalmente, o audiovisual chega aos lugares singulares de Compostela unha semana máis co ciclo de cine de verán do CGAC, que nesta ocasión ofrecerá a película Atrapado no tempo, ás 22:30 horas en Bonaval, e co Curtocircuíto na rúa, que proxectará na praza do Toural, tamén ás 22:30 horas, unha selección de curtas titulada Feito en España.

Compartir: