CULTURA

"Sacra" explora no xardín de Fonseca a busca da espiritualidade a través do corpo nas distintas culturas

19/08/2008 Sete bailaríns e dous músicos de diferentes procedencias artísticas e xeográficas ofrecen no xardín de Fonseca unha revisión histórica da busca da espiritualidade a través do corpo realizada pola humanidade dende o seu nacemento ata a actualidade. A bailarina madrileña Zoe Anwar dirixe Sacra, esta proposta de danza espiritual prevista pola programación do Festival dos Abrazos para o martes 19 e o mércores 20, ás 21:00 horas, no xardín de Fonseca, e que en caso de choiva se trasladaría ao Teatro Principal.

Sacra é unha proposta artística dunha hora de duración na que sete bailaríns levan o público da man nunha viaxe que parte do nacemento do home e da súa busca do clan, representado a través das danzas africanas máis tribais e pegadas á terra. Acompañados polo son xerado por dous músicos con elementos de diferentes culturas e tradicións como cuncas de cuarzo ou instrumentos de percusión africana, este grupo de bailaríns de varias partes do mundo viaxan dende a busca da protección gregaria clan á creación de símbolos que expliquen inexplicable, representados polas danzas orishas da tradición afro-americana.

Son símbolos que máis tarde se estruturan en relixións máis organizadas, cuxo poder representan na proposta artística de Anwar as danzas rituais de Zaar, para desembocar nunha dobre relación da humanidade coa súa capacidade de sentir. Por unha banda, unha bacanal representa a busca da espiritualidade a través da exaltación dos sentidos e, pola outra, o sacrificio humano, o martirio, transmite a idea do ascetismo, da represión do corpo como vía de achegarse á nosa dimensión espiritual. Finalmente, Sacra deixa de lado a busca exterior da espiritualidade e céntrase nas buscas internas. Faino a través das danzas derviches iraníes, que buscan o trance a través dos xiros en torno ao propio eixe; da danza butoh xaponesa, que explora a recuperación do corpo dende o ventre materno; e da danza tandava, que resume na proposta tántrica a plenitude da unión do todo a través do corpo.

Zoe Anwar asegura que parte da veracidade que o público compostelán verá en Sacra reside no feito de que os seus intérpretes son "bailaríns de diferentes partes do mundo que realizan estas prácticas de maneira auténtica". Sacra, insiste a súa creadora, "ofrece unha visión actual destes rituais". A proposta de danza espiritual de Anwar chega a Santiago de Compostela da man do Festival dos Abrazos, pouco despois da súa estrea para toda España, con cambios substanciais na montaxe para adaptarse ao espazo singular no que terá lugar.

"O Festival dos Abrazos fíxonos unha proposta interesante", di Anwar, "da que xurdirá unha revisión interesante da montaxe, porque estaba pensada para un teatro e vivila nun entorno histórico como o xardín de Fonseca supón, por unha parte, dificultades técnicas que tamén son oportunidades creativas e, por outra parte, unha experiencia única na que o espazo, coa súa historia e coa súa estrutura, é unha parte escénica máis, que interactúa con nós".

Finalmente, a creadora de Sacra afirma que "o concepto do espectáculo de danza espiritual combina perfectamente con Santiago de Compostela, porque a cidade é un dos puntos confluíntes de espiritualidade máis importantes do mundo e a enerxía da busca e do encontro que se respira aquí é efectivamente parte do que se amosa no espectáculo. Nós achegamos a visión artística desa busca e Santiago achega a visión histórica". "O entorno histórico de Compostela dálle á nosa arte, que é efímera como todas as artes escénicas, a perdurabilidade que lle falta á experiencia do aquí e do agora da danza, que deixa unha carga emocional, pero non material", conclúe Anwar.

Música, circo, performances e teatro de rúa
O pianista francés Pascal Neveu levou na mañá do martes 19 o jazz ao parque de Belvís, con nova actuación prevista para a tarde. O parque de San Roque acollerá as súas actuacións, ás 12:30 horas e ás 21:00 horas do mércores 20, mentres que Galeras e a Ferradura serán o escenario escollido polo portentoso músico francés para ofrecer a súa arte o xoves 21 e o venres 22, respectivamente. Ademais, a proposta de investigación musical de Vítor Gama, Pangeia, continúa na igrexa de Santa María do Camiño, cunha mostra de instrumentos que ficará aberta ata o día 22 en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 horas e con dúas actuacións que están previstas para a tarde do martes 19 e para o xoves 21 ás 20:30 horas. A oferta musical do Festival dos Abrazos complétana na noite do martes 19 o Xosé Miguélez Jazz Project, ás 22:30 horas en San Paio Antealtares, e ao día seguinte, o Seoane-Bermejo-Dhíniz Trío, ás 20:30 horas na praza Feixoó; Mugardos-Keresú, ás 22:30 horas na praza de Oliveira; e o jazz de Widsor for the Derby, ás 22:30 horas no parque de Bonaval.

Finalmente, o circo chega ao cemiterio de Bonaval da man de Raquel Veganzones, Kote Rodríguez, Isla González e Girisho Gordon, que ofrecerán os seus Remedios Peregríns o martes 19 ás 19:30 horas no Cemiterio de Bonaval. As performances do CGAC volven o mécores 20 ás 20:30 horas a Bonaval da man de María Gil; e o teatro chega tamén nesa mesma xornada ás rúas de Compostela da man de Quinquilláns, que partirán de Praterías ás 22:30 horas coa súa viaxe ao fondo do mar.

Compartir: