ALCALDÍA

Bugallo explicará en Cusco cómo o patrimonio inmaterial de Santiago contribúe á vitalidade e sostenibilidade do seu patrimonio histórico

16/09/2005 O alcalde compostelán, invitado pola Organización de Cidades Patrimonio Mundial, participa na cidade peruana no VIII Coloquio Mundial da OCPM.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, participará como ponente no VIII Coloquio Mundial da Organización de Cidades Patrimonio do Mundo (OCPM), que se celebrará en Cusco (Perú), do 19 ó 23 de setembro.

O foro, que nesta ocasión aborda como tema central "Patrimonio da Humanidade, un Patrimonio con Humanidade", comezará cunha conferencia maxistral do ex-secretario xeral da Organización de Nacións Unidas (ONU) Javier Pérez de Cuéllar, e contará coa participación de responsables políticos, expertos, profesionais e técnicos na conservación e preservación do patrimonio.

O debate xirará en torno a tres eixos fundamentais: valorar a experiencia da poboación na recuperación e revitalización das cidades patrimonio mundial, analizar as actividades que redundan e poñen en valor a identidade e a cultura inmaterial das cidades patrimonio e avaliar a influencia do turismo no uso dos espacios urbanos e o seu impacto na propia poboación. En definitiva, analizar a vida das persoas na cidade e cómo os individuos, os habitantes e os visitantes perciben o espazo físico e valoran unha cidade histórica.

O alcalde de Santiago analizará, a partir da experiencia da capital de Galicia, cómo pode contribuir o patrimonio inmaterial da poboación local na vitalidade e sostenibilidade das cidades patrimonio mundial. Xosé A. Sánchez Bugallo exporá o seu relatorio canda a Kesera D. Senanayake, alcalde de Kandy (Sri Lanka), e Chikh Salah Bahmed, alcalde de Ghardaia (Alxeria).

O VIII Coloquio Mundial da OCPM conta co apoio da UNESCO, do Getty Grant Program e do Getty Conservation Institute.

As 203 cidades declaradas Patrimonio da Humanidade aproveitarán este encontro para celebrar en Cusco a súa Asemblea Xeral. Santiago de Compostela, xunto a Cuenca e Córdoba, participan nesta Asamblea en representación do Grupo España de Cidades Patrimonio da Humanidade.

A OCPM é unha asociacion de cidades, declaradas Patrimonio da Humanidade, que ten como principais obxectivos contribuir a aplicación da Convención sobre a Protección do Patrimonio Mundial Cultural e Natural e da Carta Internacional para a Salvagarda das Cidades Históricas; fomentar a cooperación e o intercambio de información e coñecemento entre todas as cidades históricas do mundo; achegar os xestores locais as investigacións de especialistas e expertos nesta materia e sensibilizar aos cidadáns dos valores patrimoniais e da necesidade da súa preservación.

Compartir: