ALCALDÍA

A cidade renovou o seu voto a San Roque

16/08/2008 A alcaldesa en funcións, Mar Martín, e varios membros da Corporación municipal participaron no tradicional acto de voto da cidade de Santiago a San Roque, celebrado na capela de San Roque.

O acto consistiu na celebración dunha misa solemne e nunha ofrenda a este santo que, segundo conta a lenda, salvou a Compostela da epidemia. A tradición remóntase ao século XVI, cando varias pestes asolaron a cidade.

Despois de oito meses dunha forte epidemia, no ano 1517 o Cabildo e os rexedores de Santiago decidiron alzar na entrada da cidade a capela dedicada a San Roque tentando así frear a epidemia. Pasada a peste, os gobernadores da cidade esqueceran os votos ata que no 1570 un novo brote ameazara á poboación. Finalmente, a construción da capela rematara no 1576 e, ao seu carón, monseñor Francisco Blanco ordenara levantar un hospital para enfermos contaxiosos. A igrexa de San Roque foi rehabilitada hai uns anos polo Consorcio da Cidade.

Compartir: