CULTURA

O Festival dos Abrazos une multimedia electrónica e artes plásticas na Zona "C"

14/08/2008 O Festival dos Abrazos une artes plásticas e multimedia electrónica nas noites dos venres o mes de agosto. A Zona "C" permanecerá aberta, todos os venres do mes, ata a 1:30 da madrugada, hora na que finalizan as propostas de multimedia electrónica que está achegando o Festival ao público compostelán.

O venres 15, ás 23:00 horas, será o artista, produtor e dj residente en Vigo Diego Cobo, alias MwësLee, o encargado de acompañar a mostra da artista coruñesa Rita Rodríguez co eclecticismo e coa habilidade á hora de seleccionar aos pratos que o levou a percorrer as salas de Barcelona, Madrid, O Porto, Lisboa, Sevilla, Valencia, Zaragoza, Amsterdam, Glasgow, Hamburgo, Seattle ou Os Angeles.

Mwëslee foi o dj seleccionado no 2005 para representar a España na Red Bull Music Academy, onde compartiu experiencias e coñecementos con artistas da talla de Hank Shocklee de Public Enemy, Biz Markie, Waajeed de PPP ou Daz-I-Kue de Bugz in the Attic. O ano seguinte publicou Megaplast EP, seis temas de hip hop instrumental de gran musicalidade cun toque electrónico para fans de xente como Prefuse 73, SA-RA ou Dabrye. Ademais, o seu último lanzamento aparece no recompilatorio Beat Dimensions, mostra internacional dos máis innovadores creadores de beats, así como diversas remesturas para artistas internacionais, logrando o recoñecemento de artistas da talla de Laurent Garnier ou Henrik Schwarz.

A innovación electrónica de Dj Mwëslee compartirá escenario coa mostra da nova artista coruñesa Rita Rodríguez, que propón en Stand by me unha sorte de work in progress mediante o cal a obra se vai alimentando non só do traballo da artista, senón tamén da participación do espectador, que é quen completa e dá sentido á proposta. Para iso, proponse ao público pasar tres minutos do seu tempo visualizando un vídeo no que se ve unha folla en branco que se vai enchendo con trazos de tinta negra ao ritmo da famosa canción que dá título á peza e despois pídeselle que colla o rotulador e deixe a súa impronta na obra.

Música e circo
Bernard Massuir despídese o xoves 14 do Festival dos Abrazos cun derradeiro pase dobre da súa proposta La voix est livre, que nos últimos tres días gozaron en Compostela máis de medio milleiro de persoas. Ademais, os composteláns Hyde Casinos actúan ás 20:30 horas na praza de San Martiño Pinario e o audiovisual chega a Bonaval da man do cine de verán do CGAC e á praza da Universidade dentro do programa Curtocircuito na rúa.

Os Obradoiros de Iniciación ao Circo rematan tamén o xoves 14, ás 17:00 horas, no Auditorio de Galicia, despois de que os integrantes de Pistacatro Santiago Montero, Raquel Veganzones e Míriam Crespo guiasen máis dun cento de alumnos e alumnas na aprendizaxe das técnicas básicas de cama elástica, acrobacias e malabares. O novo circo de Pistacatro volve ás rúas de Compostela o domingo 17, ás 19:00 horas, cando ofrecerán o seu espectáculo Purgatorio na praza da Quintana.

A nyckelharpa ou viola de teclas de Ana Alcaide chega na fin de semana ao Festival dos Abrazos, onde ofrecerá a súa última proposta, Como la luna y el sol, a dúo co músico galego Carlos Beceiro, o sábado ás 12:30 e ás 20:30 horas na igrexa de Santa María do Camiño. Completan a programación musical da fin de semana Xosé Nine Cuarteto & Loli Nogueira, que ofrecerán o sábado ás 21:30 horas en San Paio de Antealtares o concerto que non puideron dar o luns 11 por mor da choiva, e máis o trío Vaamonde-Lamas-Romero, que actuarán o domingo 17 ás 20:30 horas na praza Feixoo.

Compartir: