CIDADE HISTÓRICA

Anuncios televisivos, 4.000 folletos, mupis e unha microsite informarán da nova Rede Wimax

13/08/2008 A concelleira de Rehabilitación e Cidade Histórica, Olga Pedreira, presentou a precampaña coa que se fará chegar a información da Rede Wimax a todos os habitantes da Cidade Histórica. Tal e como sinalou a concelleira na rolda de prensa, tras a adxudicación da subministración, o proxecto de Rede Wimax para o Casco Histórico entra na súa recta final.

"Xa sabemos quen vai instalar a Rede, como vai ser ese despregue e os servizos básicos que se van prestar sobre esa infraestrutura. Xa que logo, é o momento de se dirixir á veciñanza para informalos polo miúdo", indicou a concelleira. Nesta precampaña, que leva por nome Compostela, futuro sen fíos, faise unha presentación xeral do servizo que se vai ofrecer, que terá continuidade con senllas campañas específicas a desenvolver cando a Rede estea en fase de probas para que a veciñanza a utilice e cando Rede e servizos estean plenamente operativos (para a captación de usuarios).

Con esta campaña o que se pretende é informar á veciñanza sobre a actuación e os beneficios que reportará o novo sistema de conexión á rede e facer unha primeira cala sobre os tipos de servizos que teñen maior demanda entre a cidadanía. Ademais, outro dos obxectivos é dar a coñecer a marca Icompostela, coa que "queremos asociar a Rede Wimax e os servizos sobre esta infraestrutura que imos prestar dende xa e que podemos desenvolver no futuro.", apuntou Pedreira.

Información e sondaxe
A campaña comezará o 18 de agosto coa distribución de 4.000 folletos nos que, cunha linguaxe sinxela e directa, explícanse os obxectivos e orzamento do proxecto desenvolvido pola Concellaría de Rehabilitación e Cidade Histórica; que é Icompostela (rede wimax, conexión wifi, servizos…); e cando vai funcionar. O folleto inclúe unha tarxeta cunha pequena sondaxe dirixida aos potenciais usuarios/as. A entrega da mesma na Oficina de Rehabilitación (praza de Cervantes) dá dereito á participación no sorteo dun IPOD Touch, sorteo que terá lugar o 10 de setembro, ás 12:30 horas, na devandita Oficina.

A partir de comezos de setembro intensificarase a campaña coa distribución de mupis nos lindes da Cidade Histórica e a emisión de spots nas televisións locais. Ademais, o 1 de setembro poderá accederse a unha microsite dentro da páxina do Concello, www.santiagodecompostela.gal, con toda a información sobre a Wimax. "Como xa diciamos anteriormente, comentou Olga, esta precampaña terá continuidade contra finais de ano, cando agardamos que Icompostela xa estea en período de probas e Compostela, un futuro sen fíos, sexa unha realidade".

No transcurso da rolda, a concelleira fixo fincapé no feito de que haberá acceso gratuíto en parques e espazos públicos e tamén nos domicilios, restrinxido á consulta dun número reducido de páxinas (administracións e medios de comunicación), así como á posibilidade de navegación con bonos de tempo determinado. Pedreira quixo deixar claro que non hai ningunha posibilidade de ofrecer o servizo de modo totalmente gratuíto, porque non está permitido pola Comisión do Mercado das Telecomunicacións. O servizo Icompostela non pretende, polo tanto, competir cos servizos que proporcionen outras operadoras, senón complementar e dar máis opción na que escoller nunha zona na que a competencia practicamente se reduce a unha soa operadora.

Compartir: