CULTURA

Unhas 4.000 persoas viviron de preto o clown e a música na primeira fin de semana do Festival dos Abrazos

04/08/2008 O circo e a música foron os protagonistas da primeira fin de semana do Festival dos Abrazos, organizado pola concellaría de Cultura e a Consellería de Cultura da Xunta. O Festival encheu de xente as prazas do Toural, da Pescadería Vella, da Quintana e de San Martín Pinario, así como a rúa Vía Sacra, a Zona "C" e a igrexa de Santa María do Camiño, onde Emilio Cao achegou a arpa celta a unhas 300 persoas, coas súas intervencións de 40 minutos Co mar no meu peto.

As actividades continuaron o luns 4 na praza de San Miguel co clown dos cataláns Good Idea Company, coa maxia do mago Gonzalo e coas danzas sufís dos Derviches do Cairo, que ofreceron unha mostra de música tradicional e popular exipcia e, especialmente, de danzas sufíes. A formación, que conta con máis de 40 membros entre bailaríns e músicos, ofrecerá unha nova mostra da súa forza, da súa capacidade de concentración na danza e do seu dominio dos ritmos de trance o martes 5 ás 12:00 horas da mañá, na praza do Obradoiro, e ás 22:30 horas, na praza da Quintana.

Tamén o martes 5 pola mañá, ás 12:00 horas, o Teatro Principal acollerá un obradoiro de música corporal dos brasileiros Barbatuques, que ofrecerán un concerto o mércores 6 ás 22:30 horas na praza da Quintana. O obradoiro ten prazas limitadas, polo que se prega a todas as persoas interesadas que fagan a súa solicitude escribindo ao correo electrónico info@festivaldosabrazos.org.

Completan a intensa mañá do martes 5 as acrobacias de Zancalino, compañía que nace no 2006 da man de Fran Núñez, Aitor Rei e Jose Carlos Illanes, tres actores galegos formados en zancos polo mestre Avelino González e que teñen participado en montaxes de compañías como o CDG, Teatro do Noroeste ou Sarabela Teatro, así como en series e programas de televisión. O seu espectáculo Perigo: Zico, Zaca, Zuco buscando a mamá une música, baile, acrobacia e equilibrios imposibles.

Xa pola tarde, os arxentinos Nora Luca ofrecen de novo, ás 20:30 horas en Casas Reais, o seu repertorio de composicións propias e de adaptacións baseadas na cultura xitana, na música dos xudeos de Europa Oriental e na música dos Balcáns. Dúas horas máis tarde, ás 22:30h, o Fredy Fevereiro Trío levará o seu repertorio caracterizado pola música quente, alegre e rítmica do nordeste brasileiro a San Paio Antealtares.

Compartir: