CULTURA

Unha alborada dende a praza do Toural abriu o programa do Festival dos Abrazos

01/08/2008 O Festival dos Abrazos abriu a súa programación na praza do Toural cunha alborada que recordaba a tradición medieval centroeuropea de saúdo ao día. Dous músicos interpretaron a alborada dende o balcón da Fundación Granell.

Isto repetirase todos os días acompañado polo despregue dunha lona na que se anuncia a programación da cada día. Pola tarde, tamén na praza do Toural, a Galamalabares abría a programación oficial da man de tres artistas do clown de sona internacional como Nanny Cogorno (Arxentina), Azulkillas (Euskadi) ou Roi Sixto (Galicia). Este último representa a nova xeración de artistas de rúa e de novo circo que emerxeu en Galicia nos últimos anos e que, pouco a pouco, está a conquistar as nosas prazas e teatros.

Música
Ás 22.30 horas, a praza da Quintana, actuación da Xove Orquestra Árabe Xudía. Creada en 2002 e na actualidade está integrada por 25 músicos árabes ou xudíos de entre 14 e 23 anos, a Xove Orquestra representa á perfección a filosofía do Festival dos Abrazos. Exemplo de diálogo creativo entre culturas e da súa transcendencia na sociedade, a orquestra dirixida por Wisam Gibran, de Nazareth, desenvolve un repertorio de obras novas ou de arranxos propios e moita da súa música ten a súa orixe na tradición oriental árabe ou na música tradicional xudía. Acompañan os concertos de comentarios sobre as obras, os instrumentos e os intérpretes, para achegar a súa arte ao público.

O trío de orixe arxentina Nora Luca, formado por Martin Longoni co baixo de seis cordas, Marcello Borrello co acordeón e Martín Yubro coa guitarra acústica, completa o cartel musical da primeira xornada do Festival dos Abrazos, cun repertorio de composicións propias e de adaptacións baseadas na cultura xitana, na música dos xudeus de Europa Oriental e na música dos Balcáns.

Sábado 2
O Festival dos Abrazos continúa o sábado 2 coa Gala de clown femenino, que ofrecerán as artistas arxentinas María del Aire, María Peligro e Miss Vero e a artista galega Isabel Martínez Risco ás 12:00 horas na Praza da Pescadería Vella.

Na segunda xornada desta primeira edición do Festival dos Abrazos a música chegará da man do músico e compositor compostelán Emilio Cao, que ofrecerá dúas intervencións de corenta minutos chamadas Co mar no meu peto ás 12:30 e ás 20:30 horas na igrexa de Santa María do Camiño, e mais do VDJ Lord Sasafras, que fará unha mestura mutante de sons soleados da World Music, de rock e de influencias etno-tecno ás 23:00 horas na Zona "C".

Compartir: