CONSORCIO

O Consorcio destina 500.000 euros ás obras do Plan Director do Auditorio

31/07/2008 O Consorcio de Santiago destinará 500.000 euros para financiar obras do Plan Director do Auditorio de Galicia, tras a sinatura do convenio de colaboración celebrada entre o alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo e a tenente de alcalde e concelleira de Cultura, Socorro García Conde.

Segundo a redacción deste Plan, contratado no ano 2005, as obras comprenden a renovación da cuberta do corpo que contén a sala "Ángel Brage" do Auditorio de Galicia, por un importe de 141.048 euros, así como a reforma do aparcadoiro e os seus accesos para o que se destina un máximo de 300.000 euros. Antes de todo isto, realizarase o cambio da tarima. A totalidade das intervencións ascende a 500.000 euros, consignados no exercicio do Consorcio para o ano 2008.

En virtude deste acordo de colaboración, o Concello de Santiago comprométese a executar os proxectos das obras, licitar a súa contratación e executar as obras segundo os proxectos aprobados. Segundo indicou o alcalde, a substitución da cuberta estará executándose antes do verán 2009, para estar listo cara á seguinte temporada de abono. Ademais, anunciou que as obras, enmarcadas nas actuacións do Consorcio para manter e mellorar as infraestruturas culturais da cidade, irán máis alá desta anunciadas.

Obras realizadas
Entre as obras xa realizadas no Auditorio de Galicia destacan a climatización do escenario e hidrofugado de fachadas, por un importe de 200.000 euros; a ignifugación de butacas e teas nas salas de concertos, cun custo de 29.900 euros; e o plan de evacuación, en 12.000 euros. O Consorcio de Santiago destinou tamén 22.000 euros á honorarios de redacción de proxectos e 58.700 euros ao Plan Director do Auditorio.

Compartir: