ALCALDÍA

Dúas comisións traballarán no seo do Consello da Capitalidade cara o Xacobeo 2010 e a Expo de Xangai

30/07/2008 O Consello da Capitalidade acordou a creación de dúas comisións de traballo, a proposta do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, para estudar aspectos operativos do Xacobeo 2010 e a presenza de Santiago na Expo Universal Xangai 2010. Así o anunciou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, tras unha xuntanza na que o Consello tamén tivo coñecemento do proxecto para conectar con telecabinas a cidade coa Cidade da Cultura.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, agradeceu a "sensibilidade e apoio permanente" do presidente da Xunta cara os proxectos plantexados e reiterou a aposta municipal por "integrar a Cidade da Cultura na cidade" e así "garantir o seu éxito". Sobre esta iniciativa, o alcalde recordou que se propón crear dúas liñas, que unirían a Cidade da Cultura, respectivamente, coa futura estación intermodal do AVE e con Belvís.

De acometerse as dúas liñas, o investimento previsto sería de 20 millóns de euros, dos que a metade serían achegados pola iniciativa privada. En calquera caso, recordou o alcalde, a liña de Belvís está pendente da autorización do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS), dependente da UNESCO. En función desta decisión, faranse as dúas liñas ou só unha. As telecabinas, que circularían cunha velocidade de entre 20 e 30 quilómetros á hora, terían capacidade para mover 2.000 persoas á hora en cada sentido.

Sobre as comisións de Traballo, a primeira traballará sobre a presenza de Santiago na Exposición Universal Xangai 2010. Pérez Touriño, "é un orgullo para a Xunta que Santiago estea aí e traballaremos na dirección de lograr o éxito desta presenza". Ao respecto, Sánchez Bugallo indicou que "Santiago é unha icona importante, pero necesitamos o apoio de Galicia para ter éxito e, ao mesmo tempo, para Galicia é unha oportunidade para darse a coñecer ao mundo neste evento".

A outra comisión, tamén proposta polo alcalde, debaterá sobre asuntos operativos relacionados co Xacobeo 2010. Trátase fundamentalmente de garantir a atención sanitaria e a seguridade dos sete millóns de visitantes previstos para esta celebración.

Liquidación do orzamento
Por outra parte, o Consello da Capitalidade aprobou o orzamento económico para a cidade de 2008, tal como quedara reflectido nos Orzamentos da Comunidade Autónoma. A achega específica da Xunta foi de 3,9 millóns de euros, unha cifra que, en palabras do presidente autonómico supón un "serio incremento paulativo" . Así, recordou que o orzamento en 2004 fora de 2,5 millóns e, en 2005, de 2 millóns de euros.

Compartir: