REFORMA ADMINISTRATIVA

A web municipal de Santiago, entre as que mellor informan aos cidadáns

29/07/2008 A páxina web do Concello de Santiago é a sexta en nivel de transparencia entre as dos municipios españois. Así o reflicte o Índice de transparencia dos Concellos, elaborado pola ONG Transparencia Internacional España.

O Concello de Santiago sitúase na sexta posición cunha valoración total de 79,4 sobre 100, o que reflicte un alto nivel de información facilitada aos cidadáns. Así, a web municipal obtén unha puntuación de 93,8 en información das corporacións municipais, de 95% nas relacións cos cidadáns, de 75 na transparencia económico-financeira, de 58,3 na transparencia de contratos e servizos e de 61 na transparencia de urbanismo e obras.

Neste cinco apartados, a ONG avaliou ata 80 indicadores. Estudáronse a partir dos mesmos os 100 concellos máis importantes de España.

Tanto o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, como a concelleira de Réxime Interior e Reforma Administrativa, Rosa Fernández Somoza, valoraron o resultado deste estudo, que situaron no esforzo municipal por ofrecer unha maior transparencia e información aos cidadáns. Exemplo disto é a recente publicación na web das declaracións de intereses e incompatibilidades dos membros da Corporación municipal. Ademais, a páxina segue a incorporar progresivamente novos servizos para os cidadáns, co obxecto de aproveitar as novas tecnoloxías para facilitar os seus trámites.

Compartir: