ALCALDÍA

Reúnese o Consello da Capitalidade

29/07/2008 O Consello de Capitalidade reunirase o mércores 30 de xullo no Salón de Actos de Presidencia da Xunta (Pazo de Raxoi). Presidida polo titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño, co alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, como vicepresidente, celebrarase unha nova xuntanza deste órgano, encargado de estudar e valorar os custos que para a cidade de Santiago de Compostela supón a súa condición de capital de Galicia, e a fixación dos instrumentos de compensación precisos.

Entre as actuacións previstas polo Estatuto de Capitalidade prevense servizos metropolitanos en colaboración cos concellos limítrofes, unha programación anual en materia de conservación e rehabilitación do patrimonio histórico e monumental, políticas de recuperación urbana integral do Casco Histórico, informes previos no deseño de grandes infraestruturas de comunicación ou actuacións conxuntas no ámbito do transporte ou do turismo, entre outras.

Todas estas cuestións están recollidas no Estatuto de Capitalidade, a lei que recoñece oficialmente a condición de capital de Galicia á cidade de Santiago de Compostela (a súa condición de sede das institucións autonómicas está previamente recollida na lei 1/982). O Estatuto regula o réxime xurídico, grao de autonomía, competencias e relacións con outras administracións públicas.

A lei foi aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galicia o 11 de xuño do 2002 e publicada no DOG o 24 de xullo do mesmo ano, despois dun longo proceso de elaboración para acadar o consenso de todas as forzas políticas, primeiro no ámbito municipal e logo no ámbito autonómico.

Na súa exposición de motivos o Estatuto de Capitalidade recolle a condición de Santiago de "capital espiritual e meta de peregrinos, cidade universitaria e símbolo de cultura, civilización e progreso'', un carácter emblemático que require reforzar "a súa autonomía ao servizo dunha xestión administrativa eficaz, moderna e solidaria".

Para atender estes obxectivos a Lei estableceu a creación do Consello da Capitalidade. Na reunión participarán, ademais do presidente da Xunta e do alcalde, os conselleiros de Presidencia, Xosé Luis Méndez Romeu; de Economía e Facenda, Xosé Ramón Fernández Antonio; de Cultura, Ánxela Bugallo; de Turismo, Fernando Blanco; de Política Territorial, María Xosé Caride; e de Educación; Laura Sánchez Piñón.

Por parte do Concello, estarán presentes os edís de Urbanismo, Mercedes Rosón; de Cultura, Socorro García; de Casco Histórico, Olga Pedreira; de Economía e Facenda, Andrés Fariña e un representante do grupo municipal do Partido Popular.

Compartir: