URBANISMO

O Plan Parcial do Monte do Seixo completa con case 300 novas vivendas un ámbito en plena expansión

29/07/2008 A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, explicou en rolda de prensa o Plan Parcial do solo urbanizable delimitado número 14 (Monte do Seixo), aprobado pola Xunta de Goberno Local. Este é o primeiro solo de iniciativa privada que se pon en marcha do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Este Plan Parcial ofrece unha solución urbanística e estética a esta área do Monte do Seixo e completa unha zona como a do Castiñeiriño en plena expansión urbanística, segundo resaltou a concelleira. Farase a través de edificios escalonados, para resolver as pendentes da zona, que acollerán un máximo de 296 vivendas, das que unhas 74 terán algún réxime de protección pública. Unha parte serán vivendas de baixo e dúas plantas, e o resto residencias unifamiliares de baixo e unha planta.

O ámbito sobre o que se actuará neste polígono será de case 90.000 metros cadrados, dos que 28.717 se reservan para edificios residenciais. Os equipamentos e a dotación autonómica ocuparán 7.014 metros cadrados, mentres que para espazos libres quedan 27.768 metros cadrados e outros 25.905 para o sistema viario. Será un espazo que tamén terá amplas zonas verdes, completando así o sistema xeral do parque do Paxonal.

Estudos de detalle
Por outra parte, a concelleira e a xefa da área de Urbanismo, Berta Rosón, explicaron unha serie de cambios e estudos de detalle que tamén foron á Xunta de Goberno do 29 de xullo. En concreto, falaron do estudo de detalle do SUNP-11 do Castiñeiriño, co obxecto de ordenar os volumen de cubertas e garaxes, para solucionar as diferenzas de rasante existentes na área. O Estudo aclara como se implanta cada edificio en cada mazá.

En paralelo a isto, aprobouse inicialmente unha modificación puntual do Plan de sectorización deste SUNP-11 do Castiñeiriño. Co fin de encaixar na ordenación os garaxes comunitarios en todo o ámbito, una peza pequena do viario público recalifícase e pasa a ser patrimonial.

No caso do SUNP-4 do Camiño Fráncés (Cancelas), o Estudo de detalle afecta ás nove vivendas unifamiliares previstas, polos desniveis que se producen entre a rúa 25 de Xullo e a nova que se constrúe. Un muro de contención e o retranqueo permitirán ofrecer unha solución funcional e estética para os accesos aos garaxes destas vivendas.

Compartir: