RESUMO XUNTA DE GOBERNO

Nova edición do programa "Kamelamos Guinar"

29/07/2008 O Goberno municipal adxudicou á Fundación Secretariado General Gitano unha nova edición do programa "Kamelamos Guinar" (Queremos contar), dirixida a nenos e adolescentes do colectivo xitano. O orzamento do programa é de 11.950 euros.

O Concello de Santiago vén desenvolvendo dende 1999 este programa de prevención de drogas e VIH/SIDA, no que os contidos se adaptan ás claves culturais e problemáticas cotiás do colectivo. Grazas a esta iniciativa, actuarase sobre determinados condicionantes de exclusión social, co obxectivo de evitar o deterioro vital dos máis novos e promovendo a súa participación social e laboral.

Este programa, que agora se estende a máis ámbitos, centrouse nun primeiro momento en Fontiñas, por ser un barrio no que, dentro do plan de erradicación do chabolismo, se realoxaron moitas familias xitanas.

Equipamento para a Casa das Asociacións de Servizos Sociais
No ámbito do Benestar Social, tamén se aprobou o proxecto de equipamento da Casa das Asociacións de Servizos Sociais, por un importe total de 114.884 euros. A esta cantidade súmase a recibida pola Secretaría de Estado de Cooperación Territorial por importe de 57.442 euros.

Xogos infantís para o Pío XII
En materia educativa, iniciouse o expediente para a contratación do subministro e instalación de elementos de xogo infantís no CEIP Pío XII. O tipo de licitación é de 34.863 euros.

Modernización da Administración municipal
O Goberno local acordou solicitar á Consellaría de Industria e Innovación unha subvención para o desenvolvemento do programa Concellos dixitais 2008-2009, no marco do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información e o Plano Avanza.

O importe que se solicita é de 133.372 euros para a realización de actuacións en materia de modernización e informatización (por exemplo: utilización do DNI electrónico, autoliquidación de tributos, integración das distintas canles de comunicación co cidadán, actividades formativas relacionadas coa utilización das TIC, etc.).

Estudo de detalle das Casas do Rego
Por iniciativa da Concellería de Cidade Histórica, aprobouse inicialmente o estudo de detalle do polígono 39 (Casas do Rego). Trátase dunha peza de 8.546 metros cadrados de solo, cun volume edificable de 4.476.

O estudo pretende a rehabilitación e posta en valor do conxunto patrimonial, convertendo parte da casa grande en zona libre pública, e a previsión de solo para vivenda protexida. As construcións respectarán a topografía do contorno e permitirán a visión das ribeiras do río.

Saneamento na avenida de Castelao
A Xunta de Goberno tamén deu o visto boa o proxecto modificado das obras de substitución da rede de abastecemento na avenida de Castelao. Este cambio supón un incremento de 52.548 euros sobre o proxecto inicial. O prazo de execución das obras estímase en tres meses. As obras desta rede de saneamento foran adxudicadas por un importe de 199.821 euros e un prazo de execución de dous meses.

Subministro de sinais
No ámbito da Mobilidade, a Xunta de Goberno do martes 29 de xullo iniciou o expediente para o subministro de sinais para as vías de titularidade municipal. O contrato adxudicouse provisionalmente por un importe de 46.728 euros.

Viaxes por Galicia
Por outra parte, aprobouse a realización e o calendario de 11 viaxes do programa "Coñecendo o país", desenvolvido pola Concellería de Relacións Veciñais. Trátase de viaxes dun día a lugares como Mondariz, O Courel, Lugo ou Os Ancares, entre outros. O 60% do importe é financiado polo Concello e o 30% restante por cada entidade veciñal beneficiaria.

Compartir: