ALCALDÍA

Santiago e Assisi ratifican o seu irmandamento

23/07/2008 Despois de que en maio se firmase o irmandamento na cidade italiana de Assisi, o xoves 24, ás 12 do mediodía, terá lugar a ratificación do acordo no Salón Nobre do Pazo de Raxoi. A cerimonia da sinatura estará presidida polo alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo e polo seu homólogo, o alcalde de Assisi, Claudio Ricci. Tamén estarán presentes as corporacións municipais de ámbalas dúas cidades e representantes da cultura, do turismo e do tecido empresarial de Santiago.

Tras a firma, os participantes desprazaranse ao Parque de San Lázaro para descubrir unha placa conmemorativa do irmandamento, que permitirá, segundo a proposta realizada polo alcalde, "un maior coñecemento desa cidade afín a nós coa que compartimos o feito de ser lugares simbólicos tanto no eido cultural como espiritual, e á que nos une tamén a declaración de Patrimonio da Humanidade que ambas vilas ostentamos, que nos leva a manter políticas moi similares con respecto á rehabilitación".

Ademais, Santiago e Assisi son dous importantes centros de peregrinación moi vinculados á figura do Apóstolo e á orde franciscana, tal como indican os conventos de San Francisco e Santa Clara (orde franciscana de monxas fundada por unha discípula de San Francisco) na nosa cidade. O mesmo San Francisco peregrinou a Santiago comezando así un lazo que se quere volver a propoñer a través da unión do Camiño de Santiago co Cammino di San Francesco, creando unha ruta que unirá en ambos sentidos as dúas cidades.

Este vencellamento pretende ser "un paso máis no proceso de manter a presenza e promoción de Santiago no mundo", e servir para "impulsar o coñecemento de Compostela nunha cidade de ampla acollida de peregrinos". Dende esa perspectiva, as dúas cidades se comprometen a activar programas de mutua posta en valor e a desenvolver accións que podan beneficiar a ámbalas dúas poboacións nos eidos cultural, económico e turístico, tanto a nivel nacional como internacional. Unha destas accións é a posta en marcha dunha liña aérea que una as dúas cidades e que podería estar activa a finais deste mesmo ano.

Compartir: