TRANSPORTES

Os aparcadoiros de Xoán XXIII e Belvís únense á loita contra o alcohol ao voante

23/07/2008 "Se bebes, déixao" é o título dunha nova campaña que pretende contribuír a sensibilizar aos condutores sobre a incompatibilidade de alcohol e condución. Grazas á mesma, os aparcadoiros de Xoán XXIII e Belvís permitirán realizar probas de alcoholemia de balde e deixar nos mesmos os vehículos a metade de prezo.

Co obxecto favorecer unha mobilidade segura pola cidade, a empresa responsable da xestión municipal do transporte urbano, TUSSA, adquiriu dous alcoholímetros. Así, os usuarios dos aparcadoiros públicos municipais de Xoán XXIII e Belvís que o desexen poderán coñecer as súas condicións de cara a unha condución segura. Se o usuario dá positivo na proba poderá deixar o coche o tempo necesario nestes aparcadoiros, ata un máximo de 24 horas, aboando só a metade da tarifa.

Os condutores poden achegarse ás oficinas dos aparcadoiros, onde poderán realizar a proba de alcoholemia. Se a proba dá positivo, recomendarase deixar o vehículo no aparcadoiro, comunicándoo á persoa que o atendeu. O usuario pagará o taxe e, se o desexa, pediráselle un taxi ou chamarase á persoa que desexe para que o recolla.

Cando o condutor volva a recoller o vehículo, debe dirixirse ás oficinas para que lle cobren o tícket co desconto establecido. Só aboará a metade do tempo que o teu vehículo estivo estacionado dende a realización da proba (ata un máximo de 24 horas).

A campaña foi presentada polo concelleiro de Transportes, Carlos Nieves, acompañado polo xefe da Policía Local, Norberto Villaverde, e do xerente de TUSSA, José Ramón Mosquera.

Compartir: