CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Rocha estrea centro sociocultural

14/09/2005 O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, xunto ao presidente da deputación de A Coruña, Salvador Fernández Moreda, inaugurou onte mércores 14 de setembro ás 20 horas o novo equipamento municipal.

Un novo equipamento sociocultural únese á rede de centros socioculturais da cidade, o Centro Sociocultural da Rocha (sito na rúa do Beado, nº 1. Rocha Vella). Este será un dos centros máis especiais pola súa situación preto das ruínas do antigo castelo da Rocha, actualmente en fase de escavación. Este aspecto, unido ao que será unha programación sociocultural estábel na liña do resto da rede sociocultural municipal e á futura aula de interpretación e exposición sobre o traballo arqueolóxico que desde a Universidade de Santiago de Compostela se está levando a cabo, farán do centro un interesante espazo de relación e participación.

A oferta programática de actividades permitirá aos veciños tomar parte activa no centro, contando con que as distintas asociacións do barrio sigan a desenvolver dentro deste equipamento todas as iniciativas, especialmente a activa asociación de veciños Serafín Zas e a asociación cultural Rocha Forte.

Programación
A actividade do novo Centro Sociocultural da Rocha iníciase coa programación para o último trimestre de 2005. Esta programación pretende ser recoller as suxestións dos veciños co fin de achegarse a todos os colectivos e idades e conseguir un centro activo, aberto e participativo.
Os talleres propostos para este trimestre iniciaranse unha vez completado o grupo correspondente, e o pagamento dos mesmos farase de forma trimestral por conta bancaria.
Os adultos poderán disfrutar de obradoiros de manualidades de restauración de obxectos antigos e móbeis, de ximnasia, de teatro, de bailes de salón e de cociña. Para os máis pequenos, haberá talleres de animación á lectura, xadrez, manualidades, debuxo e pintura e iniciación á música.
Tamén haberá diversos cursos e talleres de informática para todos os niveis, e por suposto, a biblioteca estará aberta a todos veciños. Ademais, os sábados pola tarde haberá unha proxección dunha película dirixida a todos os públicos, para logo estabelecer un pequeno foro de debate.

Finalmente, o Centro Sociocultural de A Rocha organizará actividades puntuais como charlas, conferencias, magostos, o Antroido, o San Xoán, actuacións musicais e deportivas e exposicións. Para o Nadal haberá un programa especial, coa creación aberta dun belén no centro para participar no concurso de beléns da rede de centros, un festival, e talleres de decoración e cociña.

O centro contará con espazos abertos a solicitudes de distintos colectivos, así como para as reunións e actividades específicas das distintas asociacións do barrio.

Espazos
O novo equipamento sociocultural municipal de A Rocha é unha antiga casa restaurada e adaptada como espazo de encontro e participación social e cultural con servizos e modernos equipamentos ao dispor das institucións, colectivos cidadáns e, fundamentalmente, dos veciños do barrio.
A programación de obradoiros e actividades daralle contido específico a este espazo que, a partir dunha iniciativa veciñal, contribuirá tamén a completar as escavacións da antiga fortaleza da Rocha.
A planta baixa será un salón de usos múltiples onde se levarán a cabo os talleres. Tamén será zona de uso asociativo e nela están ubicados os aseos. No primeiro andar, ademais da recepción, ubícase a aula de traballo do equipo arqueolóxico da USC, unha zona de exposicións, a aula de interpretación e a biblioteca. No segundo, a aula de informática.

I Semana Cultural de A Rocha
Coincidindo coa inauguración do centro, os veciños de A Rocha poderán disfrutar da súa primeira Semana Cultural, que se abrirá cunha exposición de cerámica doada por Luciano García Alén, e exposición fotográfica sobre o traballo de escavación da fortaleza. Ata o vindeiro 24 de setembro, haberá diversas actividades para todos os gustos e idades.

Direccións relacionadas



Compartir: