EMPREGO

"Compostela Natural": emprego e formación para acometer catro proxectos da cidade

22/07/2008 Bota a andar a segunda edición do proxecto de Obradoiro de Emprego Compostela Natural. Así o decidiu a Xunta de Goberno, que tamén acordou solicitar á Consellaría de Traballo unha subvención para o seu desenvolvemento. A iniciativa permitirá formar laboralmente a 64 desempregados ao tempo que realizan catro proxectos de interese para a cidade.

Dos catro proxectos, un permitirá a ordenación dos espazos públicos de Vite. Crearanse beirarrúas, instalarase novo alumeado, axardinaranse diversas áreas, incorporarase novo mobiliario e eliminaranse as barreiras arquitectónicas.

A segunda actuación pretende a creación dun teatro de títeres móbil, de xeito que poderá trasladarse a diferentes espazos públicos da cidade para as representacións. De fácil montaxe e desmontaxe, este teatro terá capacidade para unhas 90 persoas. Esta iniciativa realízase en colaboración co IGAEM.

O terceiro proxecto consistirá no acondicionamento dunha parcela en Nemenzo para convertela en campo da festa e en área recreativa. Haberá zonas verdes, área para escenario, pista de baile e atraccións e mesas e bancos.

Finalmente, acometerase a recuperación do treito da rota de Fisterra do Camiño de Santiago entre San Lourenzo e Bar, en dirección a Figueiras. Recuperaranse especies vexetais, eliminaranse outras invasoras e, en definitiva, acondicionarase este tramo para dotalo duns servizos mínimos.

O obxectivo deste obradoiro Compostela Natural é que adquiran formación profesional e práctica laboral desempregados de 25 ou máis anos, mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social, relacionados cos novos viveiros de emprego. O obradoiro durará doce meses.

Compartir: