DEPORTES

Deportes repartirá máis de 300.000 euros entre os clubs e escolas deportivas da cidade

22/07/2008 A Concellería de Deportes repartirá 323.000 euros entre os clubs e escolas deportivas da cidade. Así se determina nas bases das respectivas convocatorias para acceder a estas subvencións.

Entre os clubs deportivos solicitantes repartiranse 263.000 euros. Estas subvencións teñen o obxectivo de fomentar o deporte federado cuxas actividades teñan un carácter continuado por temporada oficial. Así, son subvencionables gastos como as licenzas federativas e de mutualidade; os desprazamentos, aloxamento e manutención; os gastos de arbitraxes; os de material deportivo, os de alugueiro de instalacións, ou os médicos e seguros, entre outros.

Poden acceder a estas subvencións os clubs ou entidades deportivas federadas con sede social en Santiago e inscritos no Rexistro Municipal de Asociacións e no Rexistro da Dirección Xeral para o Deporte da Xunta. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello no prazo de 20 días naturais a contar dende a publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

No caso das escolas deportivas vinculadas aos centros de ensino resérvase unha partida de 60.000 euros. Estas achegas promoven as actividades deportivas formativas que se realizan coordenadamente entre os centros educativos públicos e concertados de primaria e os clubs deportivos.

Esta convocatoria ten dúas fases: unha para as actividades entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño (35.000 euros) e outra para as realizadas entre o 15 de setembro e o 15 de decembro (25.000 euros). Subvenciónanse conceptos como o transporte, o material deportivo, os gastos de administración, o alugueiro de instalacións deportivas e as pólizas de seguros.

Neste caso, o prazo de admisión de solicitudes no Rexistro Xeral será, na primeira fase, de 15 días naturais a partir da publicación da convocatoria no BOP. Na segunda fase o prazo será do 1 ao 15 de outubro.

Zona deportiva en San Lázaro
A Xunta de Goberno aprobou tamén o novo prego e iniciou o expediente de contratación das obras de urbanización de terreos municipais para a construción dunha zona deportiva en San Lázaro. Trátase da primeira fase desta actuación, cun tipo de licitación de 1.122.920 euros.

Tras a imposibilidade de acometer as obras adxudicadas no seu día, o Concello abriu un novo expediente de contratación para esta zona deportiva, deseñada polo arquitecto Andrés Perea e proxectada nos terreos situados detrás do edificio do SERGAS, entre as rúas San Lázaro e Penamaría. Dotarase así ao barrio dun novo campo de fútbol, provisto de gradas e vestiarios, dun aparcadoiro de 69 prazas e dunha pequena dársena de autobuses.

Para acceder ao campo, construirase un vieiro principal de 1.680 metros cadrados. O novo campo de fútbol terá dimensións regulamentarias (65 por 105 metros) e dará servizo principalmente aos clubs Amio e Vitoria. Inicialmente será de terra, aínda que está previsto que nunha fase posterior poida pasar a ser de herba artificial. Á propia área deportiva engádese outra zona verde duns 10.000 metros cadrados.

Compartir: