EDUCACIÓN

Un verán diferente e acolledor para dez nenos saharauís

22/07/2008 Un ano máis, a Concellería de Educación está levar a cabo o programa Vacacións en Paz, grazas a o cal nenos saharauís son acollidos en Compostela ata principios de setembro. O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu aos dez rapaces deste ano e ás súas familias de acollida.

O rexedor compostelán deulle a benvida aos nenos e lembrouse da situación do Sáhara, definíndoa como "inxusta e duradeira no tempo". Así, desexoulles aos pequenos que "un día poidan vivir como cidadáns libres na súa terra". Ademais agradeceu o labor solidario das familias de acollida.

Tamén se referiu a esta situación do Sáhara, que dura xa máis de 23 anos, o novo delegado saharauí para Galicia Ahmedu Mojtar, expresando o seu desexo dun "Sáhara occidental libre, independente e soberano". Agradeceu a colaboración do Concello e das familias, así como da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Indicou que 9.000 rapaces saharauís estarán este verán en toda España, dos que 780 xa chegaron a 180 concellos galegos.

Os rapaces e rapazas teñen entre 7 e 14 anos e proceden dos campamentos de refuxiados da zona de Tinduf, no suroeste de Alxeria. Algúns dos chegados repiten estanza en Santiago e outros vivirán por primeira vez as actividades complementarias que a Concellería de Educación ten preparadas para o tempo que estean en Santiago.

Grazas a estas Vacacións en Paz, estes nenos, sometidos a duras condicións de vida, coñecen outras formas de vida. A convivencia con outros rapaces, neste caso composteláns, contribúe á súa formación e promove valores de solidariedade e cooperación.

O Concello de Santiago fíxose cargo das pasaxes para estes nenos, que durante a súa estanza en Santiago teñen o acompañamento dun adulto saharauí que fai de intérprete e coordinador. As familias de acollida fanse cargo da alimentación e da vestimenta dos rapaces.

Compartir: