CIDADE HISTÓRICA

Convenio para a reurbanización do espazo público en tres áreas do Casco Histórico

18/07/2008 A concelleira de Rehabilitación e Cidade, Olga Pedreira, mantivo a súa primeira xuntanza coa conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas. Nesta reunión, na que tamén estivo presente a tenenta de alcalde do Concello e anterior concelleira de Rehabilitación, Socorro García Conde, acordaron un convenio de colaboración para a reurbanización do espazo público en tres áreas do Casco Histórico.

Esta actuación suporá un investimento de 3,5 millóns de euros por parte da Consellería de Vivenda e Solo con cargo ás anualidades 2008, 2009 e 2010. O convenio de colaboración asinarase no último trimestre do ano, toda vez que o Concello xa ten moi avanzada a documentación precisa para acometer esta actuación.

As tres áreas beneficiadas serán a zona do Cruceiro do Gaio, o ámbito de San Clemente-Carretas, e a zona de Belvís. As necesidades da intervención serán definidas nos proxectos que a Concellería de Rehabilitación presentará ao departamento autonómico para a sinatura do convenio. Consistirán fundamentalmente na mellora e substitución da pavimentación das rúas, na dotación de servizos de calidade e na ordenación dos ámbitos para o tráfico rodado e peonil.

En concreto, as áreas beneficiadas comprenden, en primeiro lugar, o Cruceiro do Gaio e anexos, para o que se prevé un investimento que ascende a 1 millón de euros; en segundo lugar, as rúas San Clemente, Raxoi, Trinidade e Carretas, para o que se estima un investimento de 1,5 millóns de euros; e, por último, a área integrada pola rúa Belvís, a Calzada de San Pedro e a explanada do Campo de Santo Antonio, cunha estimación orzamentaria de 1 millón de euros

Compartir: