MULLER

As vítimas da violencia de xénero poderán solicitar un móbil no que as atenderán as 24 horas do día

13/09/2005 Un servizo de teleasistencia móbil ao que vén de adherirse a Concellería da Muller, permitirá atender ás vítimas da violencia doméstica a través dun contacto permanente durante as 24 horas do día cun servizo de urxencias e con especialistas.

Cruz Vermella será a encargada de dar cobertura ás vítimas de violencia de xénero, un servizo que vén de poñer en marcha o IMSERSO (Instituto de Maiores e Servizos Sociais) da Secretaría de Estado de Servizos Sociais, Familias e Discapacidade, en convenio coa FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias). O concello de Santiago, a través da Concellaría da Muller, solicitou a adhesion a este Servizo de Teleasistencia Móbil para Vítimas de Violencia de Xénero o pasado mes de xullo de 2005, se ben a primeira reunión técnica de coordinación tivo lugar o 6 de setembro.

O programa consiste nunha terminal móbil que permite ás mulleres vítimas de violencia de xénero que conten cunha orde de protección unha atención inmediata e a distancia as 24 horas do día os 365 días do ano calquera que sexa o lugar onde se atopen.

Deste xeito, permite que as mulleres vítimas ou con risco de sufrir violencia de xénero poidan contactar en situacións de emerxencia con dous centros atendidos por persoas preparadas. O contacto cos centros establécese apertando un botón e na modalidade de "mans libres", segundo explicou a concelleira da Muller, Adelaida Negreira.

Este servizo permite dar seguridade e tranquilidade ás usuarias, potenciar a súa autoestima e calidade de vida. Ademais, axúdalles a diminuír a sobrecarga emocional que soporta unha usuaria destas características.

Para poder ser usuarias deste servizo, é preciso cumprir unha serie de requisitos. O primeiro, non convivir co maltratador, pero ademais, a usuaria ha de contar cunha orde de protección. Unha vez que solicite o terminal, seralle entregado nun prazo de 48 horas.

A Concellería da Muller é a responsábel da incorporación e a baixa no servizo de teleasistencia, pero o centro de atención que lle dá cobertura está ubicado en Madrid.

Os terminais permiten, ademais da conversación telefónica, a localización xeográfica da usuaria, que pode contactar co servizo ante unha emerxencia, isto é, ante a promixidade do seu agresor ou ante unha agresión, pero tamén cando precise da atención dun psicólogo. Ademais, o Centro de Atención chamaraa de cada 15 días para realizar un seguemento da súa situación.

O Centro de Información á Muller de Santiago, que proporciona axuda xurídica, psicolóxica e social, atendeu desde agosto de 2004 ata agosto deste ano a unhas 254 mulleres e 2 homes.

Compartir: