ALCALDÍA

A cidade homenaxeou ao Batallón Literario no bicentenario da súa saída para loitar contra a invasión francesa

18/07/2008 Dous centos anos despois da súa saída para incorporarase ás tropas do xeneral Blake para loitar contra a invasión francesa, o Batallón Literario foi homenaxeado na praza da Quintana. A ofrenda floral, presidida polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, celebrouse aos pés da placa que lembra esta xesta: "Aos heroes do Batallón Literario de 1808. Os escolares composteláns de 1896 e os concellos de 1822, 1865 e 1896".

Na súa intervención, o alcalde lembrou a memoria destes máis de 1.000 estudantes, dos que recordou unicamente quedaron con vida aproximadamente un 20%. Sánchez Bugallo valorou o "sacrificio e valentía" destes homes. Pola súa parte, o recto da USC, Senén Barro, referiuse ao compromiso destes combatentes coa Universidade e coa súa nación e anunciou a posta en marcha dunha exposición dedicada a eles.

Lembrouse así ao movemento xurdido na Universidade de Santiago no marco da Guerra da Independencia Española (1808-1814). Do mesmo xurdiu unha compañía, denominada Batallón Literario, formada por estudantes que se alzaron contra a invasión gala.

O Batallón tiña ao fronte a Juan Ignacio de Armada Caamaño Ibáñez de Mondragón y Salgado de Sotomayor, marqués de Santa Cruz de Rivadulla. Cos seus cartos e coas achegas populares financiouse a formación, cuxos integrantes se incorporaron a filas tras un acto de bendición da bandeira, que levaba as cores azul e branca, da bandeira de Galicia, e dous escudos, o do Antigo Reino de Galicia e o de armas da Universidade, cubertos ambos cunha coroa real. A bandeira aínda se conserva na biblioteca da Universidade.

O 18 de xullo de 1808 o Batallón saíu de Santiago para incorporarse ás tropas do xeneral Blake, na que se uniron aos voluntarios navarros. O Batallón Literario disolveuse en 1810 e os poucos integrantes que quedaron con vida recibiron o rango de oficiais.

Compartir: