ALCALDÍA

O Colexio Peleteiro poderá emprender as obras do seu novo complexo coa vista posta no curso 2009-2010

18/07/2008 Pendente dunhas pequenas aclaracións en canto a servizos básicos, a Xunta de Goberno aprobará a licenza das novas instalacións do Colexio Manuel Peleteiro nas sesións do 22 ou do 29 de xullo. Deste xeito, a propiedade poderá reanudar antes de que remate xullo as obras do complexo educativo de Monte Redondo (Montouto).

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou a concesión desta licenza na súa habitual rolda semanal dos venres. Así, as obras poderán volver a poñerse en marcha, co obxectivo de que os alumnos poidan comezar o curso 2009-2010 nas novas instalacións.

Bugallo recordou que a propiedade do Manuel Peleteiro tiña a obriga de entregar antes do 31 de abril de 2009 o edificio actual á entidade bancaria que asumira o proxecto terciario previsto para a zona. Non obstante, indicou, existe unha cláusula nese compromiso que permite prorrogar o prazo, asumindo un custo económico que a propiedade está disposta a asumir.

Centro de saúde de Galeras
Facendo repaso da semana, o alcalde referiuse a temas como a autorización do anteproxecto do centro de saúde de Galeras. Anunciou que a Consellería de Sanidade ten previsto presentar o proxecto na primeira quincena de setembro e licitar nese mesmo mes.

Praza de Galicia
Sobre a reforma da praza de Galicia, Sánchez Bugallo indicou que en breve se vai encarga un estudo para calcular as resistencias do aparcadoiro aos posibles edificios que se vaian construír na superficie da praza. Así, apuntou que dende o Concello se contempla a posibilidade de levantar unha cafetería e algún espazo de atención ao cidadán. Este estudo tamén determinará o impacto das raíces das especies arbóreas existentes na actualidade e dirimirá se deben ou non ser substituídas por outras.

Compartir: