TURISMO

"Sardiña de San Xoán", Mellor Tapa 08 de SANTIAGO(é)TAPAS

16/07/2008 O I Concurso SANTIAGO(é)TAPAS púxose de gala para a entrega dos premios ás mellores tapas de Santiago de Compostela no 2008. O acto, celebrado a tarde do mércores 16 no Hotel AC Palacio do Carme, contou coa asistencia de máis de 250 persoas, na súa maior parte relacionadas co mundo da gastronomía, a hostalaría e o turismo. O premio á Mellor Tapa foi para a "Sardiña de San Xoán" e consistiu en 1.000 euros e unha campaña de publicidade en medios locais valorada en máis de 1.500 euros. Yago Castrillón, cociñeiro do Acio e creador da tapa, recibiu o máximo galardón de mans do concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias.

A gala, presentada polos xornalistas Ramón Castro e María Cheda, arrincou co sorteo ante notario dunha viaxe para dúas persoas coa compañía Air Berlín a calquera destino europeo entre todos os votos emitidos para decidir a tapa gañadora do Premio do Público. A viaxe foi para unha votante de San Cibrao (Lugo), sendo elixidos como reservas dúas persoas de Alicante e Santiago. O Premio do Público, dotado con 1000 euros, foi para o "Solombo de porco con cebola caramelada" de Bokados Tapería, e foi entregado por Ángel Remesal, xerente de El Correo Gallego.

Un xurado formado por especialistas en gastronomía (xornalistas, cociñeiros, profesores de hostalaría...) foi o encargado de catar as 113 tapas que 45 estabelecementos mantiveron en concurso durante dúas semanas, nun proceso que contou cunha ronda de selección e unha ronda final. Estes expertos, sempre dende o anonimato, decidiron os galardóns coas súas valoracións, seguindo uns criterios baseados na valoración da presentación da tapa e o servizo e a súa elaboración e sabor, sen esquecer a relación calidade-prezo.

O premio á Tapa Creativa foi entregado por Jesús Sordo, presidente da Asociación de Hostelería de Santiago ao Madam Ragú polo seu "Semáforo de verduriñas frías", mentres o premio a Tapa Tradicional foi parar ao Garum pola súa "Cefalopodoespetada con alioli da súa tinta", que recibiu de mans de Roberto Crespo, vicepresidente da Praza de Abastos. O premio especial Galicia Calidade que premiaba o emprego de produtos galegos de calidade foi para o "Arroz de Verín" do Casal do Cabildo, entregada por Xabier Ignacio Louzao, xerente de Galicia Calidade. Mentres o premio Estrella Galicia, consistente nunha viaxe a Praga, foi para os "Berberechos con patacas panadeira e cebola" do Mesón de Lázaro, polo súa boa maridaxe coa cervexa, entregado por Guillermo Fernández, delegado de Estrella Galicia en Santiago.

Entre todos os estabelecementos participantes, polo seu apoio a esta iniciativa, procedeuse ao sorteo dunha viaxe para asistir ao Fórum Gastronómic Girona 09, coa que resultou agasallado o Agarimo.

Nas dúas semanas de concurso composteláns e turistas consumiron máis de 20.000 tapas e recolleron máis de 6.000 Tapasportes. Entregáronse 161 premios directos por completar unha ou varias (é)TAPAS, consistentes en botellas de viño e cursos de cata, cheques agasallo de 10 €, camisetas, guías gastronómicas e Walking Tours de Turismo de Santiago. Os gañadores dos premios foron persoas de Santiago, pero tamén visitantes do resto de Galicia, do conxunto de España e de países europeos como Francia, Inglaterra, Alemaña ou Finlandia.

Compartir: