CULTURA

Italia serve de inspiración para o VI Ciclo de Lied

13/09/2005 Por sexto ano consecutivo, chega a Compostela o Ciclo de Lied, que baixo o título de "Un soño de Italia" traerá ao Teatro Principal algunhas das mellores pezas que este xénero musical inspirou en Italia, así como a inspiración que a poesía, a arte e as paisaxes italianas provocaron nos máis importantes autores do lied. Os abonos para os catro concerto deste ciclo, a un prezo de 15 euros, estarán á venda desde o 14 de setembro no Teatro Principal.

A programación deste VI Ciclo de Lied inclúe catro concertos que, segundo explicou o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, contribúen a enriquecer a programación musical de Santiago e constitúen xa un referente "en Galicia e no resto do estado".

Desde o seu nacemento, os ciclos de Lied, promovidos pola Asociación Galega da Lírica Teresa Berganza, foron artellados baixo un fío condutor ou temática común. Así, en edicións anteriores, o ciclo inspirouse na música de Viena, no panorama inglés, na relación da música coa poesía ou coa pintura, entre outros temas.

Outro importante fío condutor do VI Ciclo de Lied, explicou Vítor Carou, director do festival, é o pianista Roger Vignoles, que estará nos catro concertos que terán lugar nesta edición, concretamente os días 16, 23 e 28 de setembro e o 14 de outubro. O día 15 de setembro, haberá unha conferencia sobre "O cancioneiro italiano de Hugo Wolf" na Facultade de Xeografía e Historia.

A difusión do xénero do lied é un dos obxectivos da organización deste ciclo, explicou Néstor Rego, se ben cada ano a afluencia de público amosa que xa non é "un xénero minoritario".

Compartir: