CULTURA

Doce artistas galegos homenaxean á vaca galega na mostra "Mú (Temos moito que dicir)"

16/07/2008 Mú (Temos moito que dicir). Creadores no país das vacas é o nome da mostra que se inaugura o xoves 17 na Casa da Parra, organizada pola Concellaría de Cultura e a Consellería de Cultura a partir dunha iniciativa do xornal Galicia Hoxe.

A proposta está composta por unha trintena de cadros, fotografías e pinturas de doce polifacéticos artistas: Capricho Español, Vari Caramés, Tono Carbajo, Eva Carrera, Álvaro de la Vega, Antón Lezcano, Xurxo Lobato, Antón Lopo, Manuel Moldes, Paco Pestana, Manuel Sendón e Eduardo Valiña. Trátase dunha variada colección de creacións sobre un dos elementos, elevado á categoría de símbolo, máis recoñecidos da nosa identidade.

A exposición está comisariada por Fátima Otero, licenciada en Arte pola USC, crítica e directora do programa Espacio de Arte, de Correo TV. Co subtítulo "Temos moito que dicir", a ducia de autores demostra gran calidade artística e unha extraordinaria sensibilidade cara ao que representa este cuadrúpede no sentimento colectivo de Galicia.

A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, no prólogo do catálogo salienta a constante presenza deste animal "na nosa cultura, na literatura, con singulares exemplos, na tradición escrita contemporánea e nas artes plásticas" e advirte da oportunidade do proxecto, "porque para os galegos e galegas as vacas son algo próximo, familiar, forman parte da paisaxe, da casa e son ademais fonte produtiva do país. Son bo vencello para unir as propostas creativas deste feixe de artistas que participa en Mú".

Socorro García, concelleira de Cultura, na presentación incide na súa relevancia en diferentes culturas, tomado moitas veces como obxecto de culto, e valora a idea de que moitos artistas de diferentes disciplinas e épocas recollan a imaxe e o ideario da vaca para realizar diferentes lecturas. "Falamos de vacas gordas ou vacas fracas cando nos referimos á economía, pois as vacas foron o motor arredor do que xiraban as pequenas economías rurais", lembra a concelleira.

Colabora tamén Salvador García-Bodado na iniciativa. O escritor publica un artigo no catálogo, recreando unha viaxe literaria á súa infancia, ás lembranzas da nenez "referidas a uns animais tan nosos, tan vencellados á supervivencia do noso pobo, tan apreciados, enormes e lentos, de pacífica e servil paciencia".

Fátima Otero, comisaria da mostra, engade: "Sempre é bo momento para renderlle homenaxe a un animal co que moitas xeracións de galegos se criaron e desenvolveron". É unha xusta homenaxe a quen foi durante séculos sustento alimentario e factor de primeira orde no desenvolvemento económico de moitas familias. Incluso de calefacción nos longos e fríos días de inverno. Remata sinalando que a visión persoal destes artistas galegos sobre un elemento tan intimamente ligado á nosa cultura "constitúen unha referencia esencial sobre as nosas raíces máis íntimas, en tempos en que, quizais máis ca nunca, debido a esa globalización que nos uniformiza, debemos intentar ser máis fieis a nós mesmos".

Na inauguración participarán a concelleira de Cultura, Socorro García Conde; a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; a comisaria da mostra, Fátima Otero; así como Xurxo Lobato, en representación dos artistas que compoñen a mostra.

Compartir: