TURISMO

Máis de 2.600 curtas comporán o catálogo do III Mercado Internacional de Curtocircuíto

14/07/2008 O III Mercado Internacional forma parte das actividades organizadas polo Festival de Curtametraxes Curtocircuíto. Entre o 20 e o 24 de outubro, paralelamente á Semana Oficial do Festival, Santiago converterase no principal punto de encontro dos profesionais internacionais do sector das curtametraxes. Alí estarán dispoñibles máis de 2.600 curtas.

Os acreditados no Mercado terán a oportunidade de establecer contactos comerciais, asistir a mesas de debate e presentacións dos catálogos das principais distribuidoras ademais de acceder ao catálogo do III Mercado. O III Mercado Internacional suporá tamén unha importante plataforma de difusión para as 46 curtas galegas inscritas no catálogo, que estará a disposición de compradores, distribuidores, programadores e outros profesionais do sector audiovisual.

O III Mercado Internacional ten o obxectivo de promover a profesionalización e comercialización do cinema de curta duración e contribúe a situar o festival compostelán no circuíto internacional de festivais .

O prazo para inscribir curtas no Mercado segue aberto a través de www.shortfilmdepot.com ata o 24 de xullo.

As actividades de Curtocircuíto esténdense máis alá da Semana Oficial de outubro. O xoves 17 de xullo Curtocircuíto na Rúa proxectará o programa Grandes Curtas na praza de Abastos. A partir das 22:30 horas, o ciclo de curtas programa seis filmes gañadores de premios tan importantes como Oscars, Goyas ou Baftas.

Toda a información sobre as actividades de Curtocircuíto atópase na páxina web do Festival: www.curtocircuito.org

Compartir: