MEDIO AMBIENTE E CIDADE HISTÓRICA

Proxectos para o Monte de Dios e para o río Tambre

14/07/2008 A Xunta de Goberno deu conta da concesión polo Ministerio de Facenda dunha subvención de 126.212 euros para o financiamento do Proxecto de rexeneración do Monte de Dios. Esta achega supón o 70% do total do orzamento, que ascende a 180.303 euros.

Este proxecto contempla actuacións como a eliminación de escombros, o desbroce de vexetación, a construción dun miradoiro, a creación dunha zona de usos polivalente e a integración do depósito de auga no entorno. O proxecto debe estar executado antes do remate de 2008.

Sinalización interpretativa
Por outra parte, acordouse a solicitude á Consellaría de Medio Ambiente a concesión dunha subvención de 10.000 euros (83% do custo total) para o proxecto de sinalización interpretativa do LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) do río Tambre, cuxo orzamento ascende a 12.050 euros.

A iniciativa consiste na elaboración e instalación de dous paneis con tellado con información xenérica sobre o LIC "Río Tambre", que inclúa recomendacións e normas de comportamentos para os visitantes deste espazo. Tamén se instalarán tres mesas interpretativas sobre os principais valores ambientais e patrimoniais do LIC: fauna, flora, etnografía e insuas como espazos para a conservación.

Esta actuación estará acompañada da elaboración de folletos de divulgación dos valores deste LIC, cun mapa do tramo comprendido entre as áreas recreativas de Chaián e A Barciela, no que se recollerán os itinerarios que discorren pola beira do río.

Muralla medieval
Noutro ámbito de recuperación, a patrimonial, o Goberno local acordou aceptar unha axuda de 80.000 euros, concedida pola Dirección Xeral de Belas Artes e Bens Culturais para o estudo e restauración dun tramo de lenzo da muralla medieval. Este tramo correspóndese co existente no número 18 da rúa de Entremuros.

Compartir: