ALCALDÍA

Presentada en Raxoi a revista Vía Francíxena que busca revitalizar as rutas de peregrinación a Roma

12/07/2008 O acto de presentación tivo lugar no Salón Nobre do Pazo de Raxoi na mañá do sábado 12 de xullo e estivo presidido polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. Interviñeron na mesma o presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, Paulo Caucci Von Saucken; o presidente da Asociación Europea das Vías Francíxenas, Massimo Tedeschi; e os directores xerais de Bens Históricos do Ministerio de Cultura italiano, Roberto Cecchi e Mauricio Fallace.

A publicación recolle as iniciativas, descubertas e recuperacións en torno á Vía Francíxena, un importante camiño medieval de 1.700 km e ruta de peregrinación a Roma, que levaba de Canterbury (Inglaterra) á tumba de San Pedro, na Basílica de San Pedro no Vaticano. Atravesaba Francia (de aí provén a denominación francíxena ou camiño dos francos) e Suíza e entraba en Italia, fundamentalmente, polo paso do Gran San Bernardo.

Roma era xunto con Xerusalén e Santiago de Compostela, un dos tres grandes centros de peregrinación cristiá. A vía francíxena comprende varias rutas que se foron desenvolvendo ao longo dos séculos, e que agora pretenden revitalizarse.

Compartir: