TURISMO

Turismo de Santiago aposta polo fomento do turismo creativo

10/07/2008 O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, fixo pública a concesión do programa europeo CREATA, que ten o obxectivo de desenvolver experiencias innovadoras de turismo creativo e no que partiparán entidades de Inglaterra, Irlanda, Irlanda do Norte, Escocia, Gales, Portugal, País Vasco e Galicia. O concelleiro, acompañado do Xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi, tamén presentou dous novos Walking Tours, enmarcados no turismo creativo, un consistente nunha visita a talleres de artistas composteláns e outra na visita a talleres de oficios artesáns. Tanto o programa CREATA coma os novos Walking Tours enmárcanse nunha aposta polo fomento do turismo creativo.

O Turismo creativo defínese coma o turismo que ofrece aos visitantes a oportunidade de desenvolver o seu potencial creativo mediante a participación activa en cursos e experiencias enriquecedoras que son características do destino de vacacións. Segundo diferentes investigacións feitas nos últimos anos, existe un número crecente de persoas que buscan oportunidades para desenvolver o seu potencial creativo, participando activamente en experiencias ligadas ao entorno que visitan. Segundo diferentes estudos feitos nos últimos anos, existe un número crecente de persoas que buscan oportunidades para desenvolver o seu potencial creativo, participando activamente en experiencias ligadas ao entorno que visitan.

O obxectivo de Turismo de Santiago é poñer en valor turístico a capacidade cultural e creativa existente en Compostela, convertindo así a cidade nunha "cidade creativa", que poida aproveitar a nova oportunidade de atracción de segmentos de mercado de visitantes que se abre co Turismo creativo.

Proxecto CREATA
O proxecto CREATA (Creative Tourism in the Atlantic Area) desenvolverase nos anos 2009 e 2010. O seu obxectivo é poñer en marcha experiencias innovadoras de Turismo creativo a partires dos elementos distintivos de cada rexión e ao mesmo tempo destacar as tradicións comúns da área atlántica. Para conseguir este obxectivo traballarase en catro liñas: a identificación das capacidades creativas de cada rexión que poden ser desenvolvidadas como experiencias turísticas, o deseño das experiencias creativas apropiadas en cada rexión, o intercambio de experiencias entre os diferentes socios que colaboran no proxecto e un traballo de marketing do turismo creativo.

Os participantes no proxecto CREATA son: Turismo de Santiago, CeLTS de Bristol (Inglaterra), DIT de Dublín, Midland Regional Authority (Inglaterra), Gaelic Arts (Escocia), West Wales Arts (Gales), Queen's University Belfast, Instituto Politécnico Viana do Castelo (Minho) e o CICTourGUNE do País Vasco.

Roteiro de artistas e roteiro de artesáns
No marco da aposta polo Turismo creativo, Turismo de Santiago conta con dous novos Walking Tours, que teñen o obxectivo de proporcionar aos visitantes unha experiencia diferente a partires da creatividade dos nosos artistas e artesáns.

A primeira é unha visita guiada a talleres de artistas, que se desenvolverá os xoves de xullo e agosto en castelán e inglés. No Walking Tour inclúese unha visita á Galería C5 Coleción, espazo expositivo de arte contemporánea; ao taller de Manuel Bonabal, un artista que leva máis de quince anos adicado ao mundo da pintura e o gravado; ao taller de María Meijide, unha nova pintora compostelá especializada en cadernos de viaxe e figuración narrativa de base clásica; e o taller de Tita Fraga, artista especializada no gravado, onde propón un universo de xeometrías astractas.

A segunda é unha visita guiada aos oficios tradicionais, que se desenvolverá os venres de xullo e agosto tamén en castelán e inglés. A visita permite aos visitantes descubrir o encanto dos oficios ancestrais de Compostela, como o coiro, a pasamantería tradicional, a pratería ou o acibeche. Na ruta inclúese unha visita á Xoiería Malde, onde continúa o traballo tradicional en prata; á Tenda-Taller A Mouga, onde se amosará o seu taller de pasamanería; á Tenda-Taller Media Lúa, onde se elaboran manualmente productos únicos de coiro; e a Xoiería Ricardo, onde os visitantes poderán ver o proceso tradicional de elaboración dos amuletos de acibeche.

Compartir: