EDUCACIÓN

Ferradura Aberta congregará a miles de rapaces na Alameda do 14 ao 24 de xullo

10/07/2008 Os concelleiro de Educación, Guadalupe Rodríguez, de Deportes, Andrés Fariña, e de Xuventude e Festas, Xosé Baqueiro, presentaron unha nova edición do xa clásico programa Ferradura Aberta. Desenvolverase, coma todos os anos, no parque da Alameda e a desfrutar cos seus múltiples obradoiros e actividades están convocados todos os nenos e nenas de 2 a 5 e de 6 a 14 anos.

Entre as novidades deste ano salienta un espazo para facer deporte coa consola wii e a celebración de dúas festas infantís os días 23 e 24, ésta última coincidindo co remate das actividades e na véspera do día grande da celebración do Apóstolo. Estas festas para os máis pequenos terán talleres de hip hop e rap, actuacións do propios rapaces, discoteca infantil, inchables e unha merenda final.

Ferradura Aberta é un programa pensado para os composteláns máis novos e tamén para quen nos visita, nun espazo referencial da cidade que favorece o encontro, a convivencia e o intercambio entre iguais. No tempo de descanso, logo do período escolar, o Concello quere dar resposta ás novas necesidades de lecer polo que programa unha ampla variedade de actividades a desenvolver entre o 14 e o 24 de xullo.

As actividades desenvolveranse no Paseo da Ferradura, de luns a venres e en horario de 18:00 a 21:00 horas. A participación é de libre e de balde. Só fai falta achegarse ao lugar e dirixirse ás actividades que sexan de interese para cada un.

En canto ao programa, haberá obradoiros de cestería, construción de xogos e xoguetes, encadernación e papiroflexia, ademais da posibilidade de disfrutar dos paseos no tren turístico.

O deporte tamén ocupará un espazo fundamental nesta edición de Ferradura Aberta. Nesta ocasión haberá xadrez e xogos de mesa, tiro con cargo, esgrima, tenis de mesa, loitas olímpicas e tamén un e a xa mencionada consola Wii.

Para os máis pequenos, habilitouse un espazo lúdico, ademais dun obradoiro de plástica e dun parque infantil de tráfico. Un lugar cheo de materiais e xoguetes axeitados onde divertirse, experimentar, compartir e aprender.

E para os pais que vaian cos seus fillos tamén haberá un lugar. Alí coñecerán as actividades propostas, conversarán con outros pais ou simplemente descansarán nun lugar privilexiado da cidade.

Compartir: