ALCALDÍA

Bugallo trasládalle a Touriño as prioridades da cidade no seu primeiro encontro oficial

12/09/2005 O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, mantivo durante arredor dunha hora, unha reunión co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. O novo xefe do executivo galego resaltou que este encontro co alcalde compostelán é o inicio dunha serie de entrevistas coas que pretende potenciar a rede de cidades de Galicia, co obxectivo de que funcionen dun xeito complementario, explicou.

Trala primeira rolda de contactos que o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, mantivo durante a semana pasada coa executiva da FEGAMP, hoxe deron comezo os contactos institucionais, cunha reunión co alcalde da capital de Galicia, Xosé A. Sánchez Bugallo.

Á saída do encontro, Touriño expresou o seu apoio e compromiso co "sobrecusto" que conleva para Santiago ser a capital da autonomía, manifestando a súa satisfacción polo grao de entendemento, cooperación e lealdade que presidiu a xuntanza. Pola súa banda, Bugallo agradeceulle a deferencia de ter recibido "tan pronto" a Santiago de Compostela, posto que "o presidente da Xunta é un gran coñecedor dos problemas da cidade", resaltou.

Durante a reunión que mantiveron, Pérez Touriño e Sánchez Bugallo fixeron un repaso ás prioridades da cidade: vivenda, solo industrial, comunicacións, –específicamente a chegada do AVE á cidade-, autovía Lugo-Santiago e aeroporto, entre outros, foron os temas que trataron.

Ademais, Bugallo formuloulle a Touriño seis peticións municipais. Primeira mente demandou o apoio da Xunta ao Consorcio da Cidade que, segundo afirmou, "está garantido", o que permitirá case con toda probabilidade, convocar ao Consello de Administración para a primeira quincena de outubro.

Tamén demandou o "compromiso financeiro" previsto no Estatuto de Capitalidade, que será abordado por etapas para ir completándose, explicou. Outro dos temas pendentes é o da cidade da Cultura, para a que o mandatario compostelán busca "compromiso e a continuidade do proxecto", que, segundo afirmou "é compatible coa redefinición do seu uso" e especificamente, das conexións coa cidade de Santiago e a autoestrada. Ademais, reclamou un convenio para a mellora de accesos e travesías que complete a modernización da cidade, que, segundo recordou, ata o de agora foron asumidos "exclusivamente polo propio Concello".

A ampliación do recinto feiral de Amio é outro dos temas para os que o goberno municipal busca apoio, que fora feito tamén en exclusiva polo Concello e coa axuda de fondos europeos.

Finalmente, a posibilidade de asinar un convenio para o saneamento integral do municipio, especialmente do rural, que complemente os xa existentes, foi outra das cuestións tratadas durante a reunión.

Compartir: