SANIDADE

O alcalde visita as novas instalacións do hospital de La Esperanza

08/07/2008 Xosé A. Sánchez Bugallo, acudiu esta mañá ao hospital privado La Esperanza, sito na Avenida das Burgas, para visitar as instalacións deste centro que experimentou unha gran transformación nos últimos seis anos.

O centro hospitalario de La Esperanza, que se atopa incluído no Plan Especial de Protección do Patrimonio Construído de Interese Cultural do Concello de Santiago, está a ampliar as súas instalacións en tres mil metros cadrados, para o cal obtivo licenza o pasado luns 7 de xullo na Xunta de Goberno local. As obras teñen un orzamento de 898.281 (sen IVE). Durante a visita, a xerente do hospital, Rocío Mosquera, explicou que desde que se adquiriu o hospital leváronse a cabo unha serie de transformacións co obxectivo de modernizalo e seguir avanzando na mellora dos seus servizos.

A xerente agradeceu ao alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, a súa "sensibilidade coas iniciativas que lle formulamos para transformar este hospital nun gran centro privado que dea servizo a toda a comarca". Ademais, destacou o traballo e o investimento de Povisa, que conta xa cunha importante traxectoria dentro da comunidade autónoma. Mosquera explicou que o hospital tiña un excelente deseño e unha gran confortabilidade, pero quedara obsoleto nalgunhas cousas. Aunando "a mellor e a máis avanzada tecnoloxía cun trato exclusivo aos pacientes" este hospital contribúe a que a sanidade de Galicia sexa "cada vez mellor", sinalou.

Compartir: