CONSORCIO

O Consorcio destina 250.000 euros para acondicionar as ribeiras do río Sarela no tramo do Xardín Botánico

08/07/2008 As obras de acondicionamento das ribeiras do río Sarela, no tramo que afecta a actuación do Xardín Botánico, serán fianciadas polo Consorcio de Santiago, segundo un convenio asinado hoxe entre o alcalde e presidente do organismo interadministrativo, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o reitor da USC, Senén Barro. A contía do orzamento previsto para este fin é de 250.000 euros.

Trala expropiación dos terreos da 1ª Fase do Xardín Botánico, o 14 de decembro de 2004, o Consorcio e a USC asinaron un convenio polo que a Universidade de Santiago levaría a cabo as actuacións para a posta en marcha desta 1ª Fase.

Posteriormente, o 26 de marzo de 2006 o Consello de Goberno da USC acordou crear o Xardín Botánico como servizo universitario de apoio á docencia e á investigación, modificando o proxecto inicial co obxecto de considerar o Xardín Botánico como unha infraestrutura de carácter urbano e científica.

O pasado 1 de abril do presente 2008, a Comisión Executiva do Consorcio toma coñecimento do "Plano de actuacións do Xardín Botánico" da USC, no que figura unha primeira actuación consistente no acondicionamento das ribeiras do río Sarela no tramo do Xardín Botánico. Estas obras de acondicionamento, para as que o Consorcio de Santiago destina a cantidade anteriormente referida de 250.000 euros, deberán estar rematadas a finais de decembro de 2009.

A superficie total do ámbito delimitado na 1ª Fase é a que afecta a 5 parcelas coa extensión de 41.204 m2. A superficie total obxecto de expropiación comprende 102.787 m2, que correspònden a 148 parcelas privadas. O resto da superficie inclúe camiños públicos e o propio leito do río.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, manifestou a súa satisfacción, tanto como rexedor como presidedente do Consorcio, por poder un paso máis na posta en marcha dunha iniciativa de "extraordinario valor ambiental" que vén dotar á cidade dun "novo espazo excepcional".

Compartir: