XUNTA DE GOBERNO

Visto bo ao polígono 4 de Fontiñas

07/07/2008 A Xunta de Goberno Local aprobou na súa primeira sesión de xullo as modificacións pertinentes a introducir no proxecto do polígono 4 de Fontiñas, situado entre a rúa Berlín e o Camiño Francés. Foi un dos puntos salientables en materia de urbanismo, xunto coa modificación do acordo que afecta á rehabilitación do edificio do Pilar.

No que respecta ao polígono 4 de Fontiñas, as variacións introducidas responden ao proxecto de urbanización presentado e fan fincapé na preservación do río, no remate de fachadas e na necesidade de modificar algunhas rasantes. Este paso, a aprobación inicial da modificación do estudo de detalle, permitirá aos promotores solicitar a licenza para as obras de urbanización.

A proposta da concelleira de Urbanismo, tamén se aprobou a modificación do acordo polo que se aproba inicialmente a modificación puntual do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica no que respecta ao edificio do Pilar. As variacións, solicitadas por Caixanova, entidade dona do inmoble, e aceptadas polo Concello, establecen que se limite o uso a un só (é dicir, dos usos que se permiten só poderá establecerse un, non poderán convivir dous, nin máis) e que se elimine a protección do sistema estrutural vertical, dos muros internos e do último tramo da escaleira.

Subvencións para diversas actividades
No apartado de subvencións, distintas concellarías deron conta de varias contías para a realización de actividades. Deste xeito, a Secretaría Xeral de Emigración concede unha subvención por importe de 13.000 euros para Educación, 13.200 para Servizos Sociais e 4.000 para Muller. A Dirección Xeral de Xuventude aporta 4.333 euros para actividades de voluntariado e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible outorga 5.250 euros para a realización dunha Feira para a Sustentabilidade.

Compartir: