TRANSPORTES

A Xunta de Goberno aproba as normas do servizo de préstamo de bicicletas que comezará a funcionar esta semana

07/07/2008 O concelleiro de Transportes, Carlos Nieves, deu conta das normas que os usuarios do servizo de bicicletas deberán seguir para o seu uso, trala aprobación das mesmas pola Xunta de Goberno Local. Este programa de alugueiro, que busca potenciar o uso da bicicleta como medio de transporte urbano, estará en pleno funcionamento a partir desta semana.

En total serán 7 os puntos de préstamo das bicicletas: estación de autobuses, multiusos Fontes do Sar, complexo deportivo de Santa Isabel, praza Roxa (parque de Ramírez), Área Central, Campus Sur (campo de Hockey) e Campus Norte (residencia universitaria). Funcionarán en horario de 8.00 a 22.00 horas no verán e de 9.00 a 18.00, no inverno.

Todos os interesados na contración do servizo deberán darse de alta como usuarios aportando os seguintes documentos: a folla de inscrición debidamente cumprimentada; o formulario de fianza, (que será de 150 euros pero que non se fará efectiva, senón que, no caso de ser necesario, se cobrará a través do número de conta que cada usuario facilita), e a fotocopia do DNI. As solicitudes poderán efectuarse a través da páxina web que se publicitará no seu momento ou ben na oficina situada na estación de autobuses. Unha vez formalizada a inscrición, facilitaraselle ao usuario unha tarxeta identificativa de acceso ao servizo.

Poñeranse á venda dous tipos de tarxeta, unha de duración anual, para os que decidan utilizar o servizo de forma habitual, que custará 10 euros. Os cidadáns que queiran usar as bicicletas de xeito máis ocasional terán a oportunidade de facelo mediante a adquisición dunha tarxeta semanal de 5 euros.

Unha vez se é usuario de pleno dereito, as normas do servizo establecen que éste ten a obriga de utilizar a bicicleta para o transporte persoal, só no casco urbano, e de devolvela en perfecto estado, entre outros requerimentos. Entre os dereitos que se lle recoñecen ao usuario está o de dispor de vehículos en perfecto estado de uso e funcionamento. Cada persoa que obteña unha bicicleta disporá dun máximo dunha hora para o facer os desprazamento necesarios. Ao cabo deste tempo, o vehículo deberá depositarse nunha estación para cando se necesite, volver facer uso doutra bicicleta. Como sinalou o concelleiro, Carlos Nieves, "trátase dun servizo pensado para o desprazamento e proximidade das estacións permite coller unha bici nun punto, deprazarse para facer unha xestión, deixar a bici, e unha vez terminda a xestión, volver a por outra".

Este servizo xorde amparado pola sinatura dun convenio de colaboración entre o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e o Concello de Santiago o pasado 26 de decembro, co obxectivo de promover e potenciar o uso da bicicleta como medio de transporte urbano. Aos efectos de cumprir co establecido no convenio convocouse o concurso para a subministración de equipamento, instalación e xestión dun sistema de aluguer de biciclitas, que foi adxudicado á empresa Tuimil Electricidad, SL.

Compartir: