XUNTA DE GOBERNO

O barrio de Fonte do Ouro estreará nova cara para finais de novembro

07/07/2008 A Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto para a reabilitación do barrio Fonte de Ouro e Ponte de Asén, redactado por Arquitav Arquitectos. Comezarase deste xeito coa primeira fase de reforma do barrio, que terá continuidade noutras dúas, e que contempla actuacións tan relevantes como a recuperación da fonte que da nome á zona.

O órgano de Goberno deulle o visto bo ao prego de cláusulas administrativas e ao inicio do expediente para a contratación das obras por procedemento negociado sen publicidade, establecéndose un tipo de licitación de 225.687 euros e un prazo de execución de 3 meses. As obras desta primeira fase prevese que estén rematadas para finais de novembro, as da segunda comezarían o ano que vén.

A primeira fase da rehabilitación desta zona, situada ao carón do estadio de fútbol de Santa Isabel, contemplará a instalación de beirarrúas, bancos de pedra, 13 luminarias e a creación de 9 prazas de aparcamento. Completarase a reurbanización cunha área de lecer na zona onde se atopa a propia Fonte do Ouro, que tamén experimentará unha notable melloría.

Tamén recibiu o visto bo o proxecto para a instalación e o equipamento da área de xogos do Parque da Alameda. Renóvase así o mobiliario e colócase unha zona de valos fixos e móbiles que impedirán a entrada nas horas nocturnas. O tipo de licitación é de 104.000 euros.

Obras nas travesías compostelás
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou os pregos de cláusulas e o inicio do expediente para a contratación da redacción dos proxectos das obras de reurbanización dos seguintes entornos urbanos de acceso á cidade (é dicir, as travesías): avenida de Castelao; Fonte dos Concheiros-rúa das Fontiñas-rúa do Valiño; rúa Galeras-rúa das Salvadas-rúa Vista Alegre ata o cruce coa avenida de Castelao; Vista Alegre desde avenida de Castelao-Avío-Torreira ata a Ponte do Romaño; e Rosalía de Castro desde Romero Donallo-Santa Marta-Choupana-Volta do Castro).

O concelleiro de Infraestruturas, Bernardino Rama, conta con que os proxectos estén entregados este ano para sacar así a licitación as obras en xaneiro do ano que vén, unhas obras que custarán máis de medio millón de euros.

Por último, no capítulo de obras, déuselle luz verde ao inicio do expediente para a contratación das obras de execución dun pavillón polideportivo en Fontiñas cun tipo de licitación de 2.450.000 euros. Noutro pavillón, o de Santa Isabel, substituirase o pavimento deportivo de madeira.

Compartir: