URBANISMO

Santiago liderará a análise do impacto da chegada do AVE ás cidades do sudeste europeo

04/07/2008 O Concello de Santiago presentou a súa candidatura como Xefe de Fila do proxecto OBSER-TAV "Análise do impacto integral da chegada do tren de alta velocidade ás cidades sudeste europeo". A proposta do proxecto que lidera Santiago enmárcase na prioridade IV do Programa Operativo: "Impulso do desenvolvemento urbano sostible aproveitando os efectos positivos da cooperación trasnacional"; e no obxectivo específico de aumentar o protagonismo socioeconómico dos municipios e rexións do sudeste europeo mediante a súa inclusión en redes de cooperación.

A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, e a asesora en Relacións Internacionais Belén Mendoza presentaron este proxecto, que ten como meta constituír e desenvolver unha rede urbana e rexional destinada á análise do impacto integral da chegada do tren de alta velocidade ás cidades e rexións do sudeste europeo.

Entre os obxectivos intermedios do proxecto atópase o de analizar as repercusións urbanísticas e os mecanismos idóneos para a creación de novas áreas de centralidade, así como identificar estratexias de cidades que xa contan con estación de alta velocidade dende a perspectiva territorial, urbanística, socioeconómica e de mobilidade. Ademais, analizaranse os impactos das novas estacións de alta velocidade na xeración de emprego, mercado inmobiliario, localización empresarial, accesibilidade e mobilidade, turismo, comercio e medio ambiente.

Dentro da análise do impacto integral da chegada do AVE ás cidades, as liñas de actuación nas que traballará o proxecto OBSER-TAV son catro: as estratexias para a creación de novas áreas de centralidade, como aproveitar o potencial da estación do AVE, a mellora da accesibilidade e da mobilidade, o impacto socioeconómico da chegada do AVE; e súa influencia no turismo e na cultura.

Con Santiago presentan a súa candidatura a asociación francesa de transporte Eurosud Transport Atlantique-Mediterranée, a cidade portuguesa de Maia e as españolas Vitoria e Vigo. A asociación francesa aportará a súa experiencia e analizaranse os impactos da chegada do tren de alta velocidade ás cidades francesas, xa con indicadores de resultado efectivo que servirán para o conxunto da rede. As cidades españolas e a portuguesa analizarán os efectos que a chegada do tren de alta velocidade supón para as cidades pola importancia dos cambios espaciais, económicos e sociodemográficos que implican nas mesmas.

O feito de que Santiago lidere esta rede temática supón unha gran oportunidade para a cidade xa que se poderá obter unha visión axeitada de todos os elementos que interveñen na operación: a reordenación do espazo ferroviario e integración da trama urbana, o desenvolvemento e mellora das conexións co centro da cidade, a análise da estación intermodal, o reforzo do aeroporto de Lavacolla coma destino internacional tanto para viaxeiros como para mercadorías e a potenciación de Santiago como centro cultural, asociado ao seu patrimonio histórico e á Cidade da Cultura. En definitiva, trátase situar a Santiago como estación central do Eixo Atlántico da rede ferroviaria europea de alta velocidade.

O custo total do proxecto é de 1.650.000 euros, dos que 600.000 corresponderían á parte de Santiago de Compostela. Desta cantidade, o propio Concello achegaría 150.000 euros.

O Programa operativo Sudeste Europeo
O Programa Operativo do Obxectivo Cooperación Territorial do Espazo Sudeste Europeo 2007-2013, foi adoptado pola Comisión Europea en setembro de 2007. O obxectivo do programa, financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), é consolidar o sudeste europeo coma un espazo de cooperación territorial nos ámbitos da competitividade e a innovación, o medio ambiente, o desenvolvemento sostíbel e a ordenación do territorio que contribúa a reforzar a cohesión económica e social no seo da UE.

Coa cooperación territorial europea preténdese intensificar a cooperación transfronteiriza a través de iniciativas locais e rexionais conxuntas, fortalecer a cooperación transacional e interrexional, así como intercambiar experiencias.

O programa establece catro prioridades que obedecen, dunha parte, ás orientacións estratéxicas comunitarias en materia de crecemento, emprego e desenvolvemento sostible e, doutra, aos propios desafíos que o sudoeste europeo debe afrontar conxuntamente. Estas prioridades teñen que ver coa promoción da innovación e a constitución de redes estables de cooperación en materia tecnolóxica, a mellora da sustentabilidade para a protección e conservación do medio ambiente e do entorno natural do SUDOE, a integración harmoniosa do Espazo do sudeste europeo e a mellora da accesibilidade ás redes de información e o impulso ao desenvolvemento urbano sostible.

Modificacións no polígono 4 de Fontiñas
A concelleira de Urbanismo aproveitou a rolda de prensa para anunciar a aprobación, na Xunta de Goberno do luns 7, dunha modificación no Estudo de Detalle do polígono de vivenda número 4 de Fontiñas. Estes cambios teñen por obxecto corrixir algunhas deficiencias detectadas tras a aprobación inicial do proxecto de urbanización en xullo de 2007.

Os cambios afectan fundamentalmente ás rasantes, con algunhas melloras estéticas e correccións en temas coma os garaxes. Ademais, realizouse algunha modificación que porá aínda máis en valor a pequena lagoa prevista para este ámbito. Aprobado este Estudo, o obxectivo é que poida ser levado ao Pleno de setembro, para así dar paso á aprobación definitiva do proxecto de urbanización e ao comezo das obras. Neste solo, de algo máis de 43.700 metros cadrados, construiranse 238 vivendas.

Compartir: