CONSUMO

Unha guía da OMIC lémbralles aos consumidores os seus dereitos á hora de viaxar

04/07/2008 A Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), en colaboración coa Unión de Consumidores de Galicia pon a disposición dos cidadáns de Compostela un ano máis a Guía de Viaxes e Vacacións. Trátase dun instrumento moi útil para desenvolverse nas vacacións e para coñecer todos os dereitos do consumidor nestas datas en que a denegación de embarque (overbooking), a perda de maletas ou as ofertas enganosas están tan á orde do día.

O concelleiro de Sanidade e Consumo, Xosé Baqueiro e o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia e autor do texto, Miguel López Crespo, presentaron esta guía, que dedica un apartado ao transporte aéreo e aos problemas máis frecuentes derivados del: o overbooking, as cancelacións de voos, os atrasos e as perdas de equipaxe. A publicación especifica en todos estes casos os dereitos do consumidor, o xeito de reclamar e as compensacións que lle puideran corresponder.

Outro dos capítulos da guía está dedicado ás axencias de viaxes e, en especial, á contratación de viaxes combinados. As diferenzas entre o contratado e o que finalmente o viaxeiro se atopa soe ser o principal problema. Fronte a isto, o consumidor dispón dunha ampla lista de dereitos.

Os dereitos que amparan aos pasaxeiros nas viaxes en autobús ou tren tamén son recollidos nesta guía. Finalmente, péchase e cunha referencia a lexislación e enderezos de interese e cunha lembranza das funcións das xuntas arbitrarias de transporte e de consumo.

Á Xunta Arbitral de Transporte dedicou unha especial atención López Crespo, polo descoñecemento que a xente ten dela. Este organismo resolve as reclamacións xurdidas no transporte terrestre cuxo importe non supere os 6.000 euros, e sempre que ningunha das partes excluíse expresamente a súa competencia.

Tamén estivo na rolda de prensa o responsable da OMIC de Santiago, Antón Barba, quen apuntou que "as reclamacións sobre viaxes supoñen entre o15% e o 20% do total de reclamacións". A maior parte formúlanse unha vez rematado o período de vacacional. Sobre as que teñen máis éxito, apuntou que son as que se realizan a compañías aéreas e de tren, e menos as de transporte por estrada.

Esta guía, da que se editaron 10.000 exemplares, está sendo repartida en centros socioculturais, asociacións veciñais, estación de autobuses, estación do tren e aeroporto.

Compartir: