DEPORTES

Santiago acollerá parte das probas do Campionato de España Junior e Sub-23 de ciclismo

02/07/2008 Os Concellos de Santiago, Cerceda, Negreira, Ordes e Oroso serán as sedes das sete probas do Campionato de España Junior e Sub 23 que organiza a Federación Galega de Ciclismo co patrocinio da Fundación Compostela Deporte e dos devanditos concellos. A competición celebrarase os días 11, 12, 24, 25 e 26 de xullo.

O presidente da Federación Galega de Ciclismo, Sabino Cortizo, expresou o seu agradecemento á Federación Española de Ciclismo, ás entidades patrocinadoras e ás colaboradoras, estas últimas tanto do ámbito público como do privado, para a celebración do Campionato de España. "Á Federación Española por escollernos para un evento desta calidade. Aos patrocinadores porque se involucraron activamente con este evento e aos colaboradores porque coa súa axuda tamén fan posible que este campionato sexan unha realidade", afirmou.

O Campionato de España para as categorías Junior feminina e masculina e Sub 23 masculina contará coa presenza das Seleccións das 17 Comunidades Autónomas, máis Ceuta e Melilla. "Quero darlle a benvida a todas elas. Co desexo de que disfruten dunha boa estancia na nosa terra e de que este sexa un evento inesquecible", engadiu Cortizo.

A presentación tamén contou coa presenza do concelleiro de Deportes de Santiago e vicepresidente da Fundación, Andrés Fariña; do Presidente da Federación Española de Ciclismo, Fulgencio Sánchez; dos alcaldes Juan García (Negreira), José García (Cerceda) e Manuel Regos (Ordes);e do xefe de Servizo de Coordinación Deportiva da Dirección Xeral para o Deporte. Tamén estiveron os ciclistas profesionais de Santiago e a súa comarca David Blanco e Alex Marque (ambos no Palmeiras Resort portugués) e Ezequiel Mosquera (Karpin Galicia); os ex ciclistas profesionais Marcos Serrano e Xosé Luís Felpete; e os directores do Karpin Galicia: Álvaro Pino e Xesús Blanco.

Andrés Fariña falou da importancia da colaboración mutua entre as institucións públicas e privadas e dos profesionais actuais e veteranos "para traballar no fomento, en beneficio, do ciclismo e dos deportistas do futuro". Pola súa banda, Fulgencio Sánchez expresou a súa "satisfacción por estar en Galicia. Estou marabillado e impresionado polo apoio das institución e das entidades co ciclismo, así como dos profesionais e dos veteranos deste deporte".

Competición esixente
O día 11 de xullo comenzará a competición para a categoría sub 23 masculina coa proba de contrarreloxo individual de 32,4 quilómetros que se desenvolverá no Concello de Negreira. A saída dende praza do Cotón do primeiro corredor será ás 17:00 horas e o intervalo de tempo entre cada ciclista será dun minuto. A meta estará situada na rúa Carmen.

Santiago de Compostela acogellá a segunda proba da categoría sub 23 masculina o día 12 de xullo, a de fondo en estrada, que terá un percorrido de 136 quilómetros e que sairá da praza do Obradoiro ás 16:00 horas. A meta estará na Avenida Juan Carlos I.

O día 24 de xullo disputarase a primeira das probas da categoría junior masculina, a contrarreloxo por equipos en Cerceda, que terá un percorrido de 31 quilómetros. A saída –ubicada no Campo da Feira- de cada selección efectuarase cun intervalo de catro minutos e a primeira será ás 18:00 horas.

A contrarreloxo junior masculina desenvolverase no Concello de Oroso o día 25 de xullo, cun percorrido de 20 quilómetros con saída na rúa do Juncal da localidade de Sigüeiro ás seis da tarde e chegada na rúa da Cultura. O intervalo de tempo de saída entre cada participante será dun minuto.

O Concello de Ordes acollerá a primeira das probas da categoría junior feminina na mañá do 25 de xullo. Será a contrarreloxo individual ,na que as participantes terán que completar un percorrido de 17 quilómetros, a partir das 11:30 horas e o intervalo de tempo de saída entre cada ciclista será dun minuto.

A avenida de Ferrol de Santiago será o escenario (saída e meta) das duas últimas probas de fondo en estrada do Campionato de España o día 26 de xullo. Ás dúas da tarde tomarán a saída as participantes da categoría junior feminina, que terán que completar un percorrido de 80 quilómetros.. E a competición junior masculina finalizará a partir das cinco da tarde e os corredores terán que completar unha distancia de 105 quilómetros.

O campionato conta tamén coa colaboración da: Fundación Deporte Galego, Federación Española de Ciclismo, Consejo Superior de Deportes, Xacobeo, Deputación da Coruña, Club Ciclista Compostelán-Muebles Compostela; Caixanova. Begano-Coca Cola, Blusens, Skoda Brea Automoción, Centro Deportivo, Powerade, LeasePlan e Nutrisport.

Compartir: