PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica habilita un espazo web para o servizo de Estatística

02/07/2008 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo habilitou un espazo web, www.estatistica.maiscompostela.org, para o servizo de Estatística. O Observatorio Estatístico supón a evolución natural da anterior Oficina de Estatística municipal, e pon a disposición das persoas interesadas unha radiografía en cifras da realidade de Santiago de Compostela.

A través destá páxina pódese obter unha información precisa e actualizada sobre o Concello. Contén todos os estatísticos publicados ata agora dende que se empezaron a recopilar datos, no ano 1999. O Observatorio Estatístico é unha ferramenta importante de consulta para coñecer a evolución do Concello de Santiago a diferentes niveis: económico, social, cultural, etc. A súa presenza en internet permite, ademais, ter unha base de datos actualizados difundidos internacionalmente que poden ser utilizados, por exemplo, por inversores e empresas externos á hora de buscar novos asentamentos.

Este espazo web conta cun deseño funcional de fácil consulta para profesionais de Administracións Públicas e da empresa privada, e para as persoas interesadas. É unha páxina interactiva que leva integrado un apartado específico de solicitude de datos de carácter público que se respostarán nun máximo de 72 horas. Nela tamén se pode consultar a lexislación vixente en materia de estatística e de protección de datos de carácter persoal. Contén ademais ligazóns coas páxinas webs da Concellaría de Promoción Económica, do Concello de Santiago e do Instituto Galego de Estatística.

A finais de xullo, a páxina do servizo de Estatítica completaráse co Estatístico 2008. Esta web será o primeiro lugar onde se publique o novo estatítico, con todos os datos do 2007 sobre o Concello de Santiago e comarca. A continuación, e como último paso para estar plenamente operativa, habilitarase a denominada Área Reservada, un espazo deseñado para que as entidades colaboradoras vaian introducindo, dun xeito áxil, rápido e cómodo, as cifras e datos cos que se elaborarán os posteriores estatísticos.

Compartir: