CULTURA E MEDIO AMBIENTE

Actividades ao aire libre para vivir o verán en Compostela

02/07/2008 Xogos, roteiros, romarías, ximnasia e visitas culturais son algunhas das propostas do Concello para aproveitar o verán con actividades ao aire libre. Forman parte do programa "Vive o verán", cuxo calendario foi presentado en Raxoi.

As concelleiras de Cultura, Socorro García Conde, e de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, presentaron este programa, cualificado pola primeira como unha maneira de "educar para un ocio diferente e poñer en valor os espazos da cidade". Neste mesmo sentido se pronunciou a responsable de Medio Ambiente, ao destacar estas actividades como "unha maneira de dar a coñecer a ampla diversidade de zonas verdes con que conta a cidade".

As actividades son unha invitación para todos os públicos a aproveitar os recursos naturais e patrimoniais de Compostela. Así, preparáronse roteiros polos ríos todos os venres pola mañá, visitas guiadas aos parques da cidade os luns á mañá e visitas culturais e urbanas todos os martes. E tamén para ampliar coñecementos, obradoiros medioambientais todos os mércores no Centro de Interpretación de Parques e Xardíns da Alameda e noutros lugares específicos.

Ademais destas actividades, os máis novos teñen algunhas pensadas especialmente para eles. Poderán gozar do 7 ao 8 de xullo do proxecto de tempo libre infantil "Xogandoando", no Centro Sociocultural de San Lourenzo. Tamén para eles son so xogos nos parques, dende o 14 de xullo en Bonaval, ou a Bibliopiscina, que estará aberta en Sar do 7 de xullo ao 29 de agosto.

Os que prefiran exercitar corpo e mente teñen a posibilidade de facer exercicios de tai chi en Bonaval (luns) e no parque de Galeras (mércores), ou de realizar ximnasia terapéutica ou coreografiada no parque da Constitución, no parque Eugenio Granell, e novamente en Galeras e Bonaval.

Para os que prefiran o cine haberá proxeccións ao aire libre en diversos espazos ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro. E os máis festeiros teñen unha cita coa romaría do sábado 27 de setembro no local sociocultural de Marantes. Haberá música tradicional e comida.

Todas as actividades son de balde. Os interesados poden informarse e inscribirse durante o mes de xullo nos centros socioculturais de Conxo, Vite, O Ensanche, Fontiñas, A Trisca e Castiñeiriño; no mes de agosto unicamente no CSC Fontiñas. Toda a información sobre as actividades está dispoñible no programa adxunto.

Documentos relacionados



Compartir: