TURISMO

Turismo de Santiago entrega os primeiros premios de "SANTIAGO(é)TAPAS"

02/07/2008 O sábado 28 de xuño arrincou o Concurso de Tapas SANTIAGO(é)TAPAS, e mostra do elevado interese que ten suscitado a iniciativa son os 2.037 Tapasportes que ata o mediodía do luns 30 se tiñan entregado na oficina do concurso, situada na Praza de Galicia. Tamén os 45 estabelecementos de hostalaría participantes I Concurso de Tapas de Compostela contan con Tapasportes a disposición do público. En total son máis de 4.000 os tapasportes distribuídos.

Son grupos de amigos ou de empresa e parellas os que máis información están demandando e participan máis activamente no concurso, organizado pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo. Os turistas non quedan ao marxe e así unha mestra de español para estranxeiros recolleu Tapasportes para levar aos seus alumnos de tapas nunha visita enogastronómica. Tamén grupos de alemáns, arxentinos, ingleses... teñen recollido o seu Tapasporte.

Esta fin de semana unha parella de mozos, santiaguesa e inglés, presentaron os seus tapasportes con todos os selos dunha (é)TAPA e recibiron como premio un curso de cata de viño que se celebrará ao remate do concurso. Outra parella ten presentado xa tres (é)TAPAS cumplimentadas, recibindo como premio 2 cheques agasallo, 2 cursos de cata e 2 exemplares da Guía Gastronómica de Turismo de Santiago.

Para fomentar a participación de composteláns e turistas no concurso, os usuarios reciben un selo tras consumir a súa tapa, igual que os peregrinos ao longo do Camiño de Santiago, e segundo o número de (é)TAPAS que completen poden optar a máis de 1.000 premios: botellas de viño e cursos de cata, cheques agasallo de 10 euros, camisetas, guías gastronómicas e Walking Tours de Turismo de Santiago.

Ademais, as 5 primeiras persoas que enchan o Tapasporte con todos os selos dos estabelecementos de todas as (é)TAPAS recibirán unha pantalla LCD de 19" e entre os restantes Tapasportes completados antes do 13 de xullo sortearanse outras 5 pantallas LCD. A xente tamén pode votar a súa tapa favorita co pousavasos oficial do concurso e entre os votos emitidos sortearanse 2 billetes de avión de Air Berlín a calquera destino europeo.

O Tapasporte propón 5 (é)TAPAS gastronómicas, rutas que agrupan aos estabelecementos participantes no concurso: Praza do Obradoiro, Praza de Cervantes, Praza de Galicia, Praza Roxa e Camiño Francés. Cada estabelecemento presenta entre 1 e 3 tapas, ata chegar ao total de 113 tapas a concurso. En www.santiagoetapas.com está a disposición do público a ficha coa receita de cada tapa, algunhas tan orixinais como Esencia de pementos de Padrón, Cefalopodoespetada con alioli da súa tinta ou Unllas de porco recheas de mexillóns da ría en escabeche e prebe da súa cocedura.

Compartir: