EMPREGO

Sesenta e catro persoas desempregadas fórmanse a través dos cursos FIP que imparte Promoción Económica

01/07/2008 A Concellaría de Promoción Económica e Emprego está a desenvolver seis cursos do Plan FIP (Formación e Inserción Profesional), nos que se forman 64 persoas desempregadas. Dende que empezaron a impartirse estas especialidades, 12 alumnos incorporáronse ao mercado laboral. Os cursos, cofinanciados pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Traballo, e polo Fondo Social Europeo son: Cantería, Carpintería, Xardinería, Instalador de sistemas de enerxía solar térmica e Electricista de edificios.

Estes seis cursos do Plan FIP forman a técnicos en especialidades con demanda no mercado de traballo, polo que son unha boa oportunidade para insertarse laboralmente. Todas as especialidades, homologadas pola Xunta de Galicia e impartidas no Centro de Formación Ocupacional Sanxuás de Aríns, contemplan a realización de prácticas en empresas.

Instalador de sistemas de enerxía solar térmica comezou a finais de maio e consta de 360 horas lectivas. Capacitará ao alumnado para realizar instalacións de electrificación mediante enerxía solar e para levar a cabo o seu mantemento. Está previsto que remate en setembro. A especialidade de Electricista de edificios conta con 430 horas lectivas. Durante o curso, que comezou a principios de xuño, os alumnos aprenderán a montar, instalar e reparar liñas eléctricas de baixa tensión e liñas especiais e a realizar o mantemento das instalacións e equipamentos eléctricos.

Os cursos de Cantería, Xardinería, Carpintería e Fontanería comezaron a principios de maio. Cantería ten unha duración de 710 horas lectivas, nas que o alumnado aprenderá a asentar e labrar pedras de sillería. A especialidade de Xardinería consta de 560 horas lectivas, nas que os participantes coñecerán como preparar solos, plantar, sementar, regar, abonar, podar e identificar plantas. En Carpintería, con 520 horas lectivas, aprenderán a marcar e trazar mobles, armar e montar portas e fiestras e premontar en taller elementos de carpintería. En Fontanería, con 520 horas de duración, coñecerán como realizar instalacións de auga interiores e como montar aparatos sanitarios.

Compartir: