ALCALDÍA

Sánchez Bugallo será o primeiro alcalde de Galicia en entrevistarse con Touriño

09/09/2005 O vindeiro luns 12 de setembro, o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, recibirá ao alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, para abordar "os grandes temas da cidade", segundo anunciou o rexedor da cidade.

O alcalde da capital de Galicia, Xosé A. Sánchez Bugallo, agarda poder tratar na primeira entrevista formal que o novo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, concede a un alcalde da nosa comunidade. Neste encontro, Sánchez Bugallo agarda poder abordar os grandes temas da cidade "nos que creo que a presidencia debe implicarse", sinalou.

Na súa habitual rolda de prensa dos venres, Bugallo valorou positivamente as entrevistas que mantivo esta semana con outros altos cargos da nova administración autonómica. Coa conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, falou sobre o futuro do Consorcio, explicándolle o papel que xoga este organismo na cidade e os proxectos cos que contan. Tamén lle informou da preparación da próxima reunión do Consello de Administración, que case con total seguridade se celebrará a mediados de outubro, sinalou. Tamén abordaron o tema da cidade da Cultura, que en opinión do alcalde compostelán, parece razoábel concluíla sen desbotar a redefinición do seu uso, valorando a actitude da Conselleira como "prudente" e "moi positiva".
Así mesmo, Sánchez Bugallo entrevistouse co novo director xeral de Urbanismo, Ramón Saúl Lueje Espina, o mércores 7 de setembro, con quen tratou distintos aspectos relacionados co seu ámbito, como o PXOM e os Plans Sectoriais. Neste senso, Bugallo transmitiulle a consulta sobre as Disposicións Transitorias da Lei do Solo, sobre as que o Concello xa ten listo o seu informe xurídico, pero que non quixo revelar, á espera de que a Dirección Xeral efectúe a súa valoración.

Así mesmo, Bugallo anunciou varias inauguracións para a semana que vén: o mércores 14 o Centro Sociocultural da Rocha, o xoves 15 o novo tanatorio e o venres 16 poñerase a primeira pedra do Parque Comarcal de Bombeiros. En opinión do mandatario compostelán, é probable que nun ano o Parque estea xa en funcionamento, se vén o prazo de execución é de 18 meses.

Compartir: