URBANISMO

O alcalde clausura a Aula de Renovación Urbana 2008

27/06/2008 Durante a clausura da edición 2008 do máster de renovación urbana que se celebrou no Paraninfo da Universidade, Xosé A. Sánchez Bugallo destacou o feito de que este curso foi posto en marcha pola Oficina de Cidade Histórica e Rehabilitación, OCHiR, no ano 2005, e que, como resultado, "na actualidade, a gran maioría dos directores de rehabilitación de España están saíndo da nosa cidade".

Segundo Bugallo, o curso esta a consolidar a súa traxectoria e prestixio, e trabállase para que se poida transformar nun posgrao oficial adaptado ao espazo europeo de educación superior, adaptado ás necesidades actuais no campo das políticas de rehabilitación e de intervención no territorio, partindo de principios de respecto e sustentabilidade.

Durante esta edición do curso potenciouse o traballo práctico sobre proxectos reais desenvolvidos mediante talleres. Neste sentido, tamén os alumnos reflexionaron sobre esa barreira limítrofe que supuxo ata o de agora a avenida de Lugo e as Brañas do Sar e debateron como integrar ese cinto verde na cidade, unha zona que proximamente xogará un papel fundamental de comunicación coa Cidade da Cultura.

Contidos básicos da Aula
A Aula de Renovación Urbana e Rehabilitación é un curso eminentemente práctico no que participaron arquitectos, aparelladores, historiadores da arte, sociólogos e outros profesionais relacionados coa renovación urbana e a rehabilitación.

Nacida pola necesidade de técnicos e empresas cualificados e con coñecementos especializados na conservación efectiva dos centros históricos, así como de xestores públicos capaces de atender as demandas dos residentes, individualizando cada caso e asesorando e canalizando cada unha das demandas de asistencia na renovación das vivendas, a Aula conxuga a formación práctica e teórica co intercambio de experiencias entre as rexións participantes.

Ao longo do curso analízanse presupostos prácticos e proxectos de rehabilitación urbana concretos, que responden a problemas actuais dos centros históricos de Galicia. O desenvolvemento destes proxectos compleméntase con seminarios e charlas que tocan as distintas disciplinas necesarias nos procesos de renovación urbana.

Os proxectos que se realizan nacen coa perspectiva de poñerse en práctica de forma inmediata e, no seu conxunto, representan un amplo abano de situacións e problemas moi significativos dentro dos procesos de recuperación de edificacións e tecidos urbanos.

A selección do alumnado faise en base ao seu currículo e interese declarado, un proxecto, unha entrevista e a orde de rexistro da solicitude. Os recoñecementos académicos a outorgar pola Universidade de Santiago de Compostela son o Máster en Renovación Urbana e Rehabilitación ou Especialista en Renovación Urbana e Rehabilitación, ou ben os posgraos en Xestión e Políticas Urbanas; Cidade e Sostenibilidade; Espazo Urbano e Urbanismo ou Construción e aplicación de técnicas e normativas en rehabilitación.

Compartir: