MOCIDADE

Exhibición de xogos de estratexia no Ensanche

27/06/2008 A Concellería de Mocidade, en colaboración co colectivo Zónula Catro, organizan unha exhibición de xogos de estratexia e miniaturas e unha xornada de introdución aos xogos de rol destinada a pais e nais.

Co obxectivo de promover este tipo de xogos, e de insistir na idea de que estes xogos son tan só xogos cunha función lúdica e favorecedor de hábitos de lectura e a socialización, celebrarase esta iniciativa o sábado 28 de xuño de 11:00 a 14:00 horas na Praza Roxa e no Centro Sociocultural e Xuvenil O Ensanche.

Ao longo da xornada desenvolveranse varias actividades: pintado de miniaturas, mostra de escenografías e miniaturas, charla para pais e nais e xogos de rol.

Ademais, á última hora da mañá, poñerase en funcionamento o Club de Rol do Ensanche, no que os interesados poderán disfrutar dunha nova oportunidade de lecer nun espazo especialmente axeitado. Alí haberá bibliografía especializada no tema e varios xogos para gozar das partidas de rol, así como participar nas actividades organizadas polo propio club, como torneos, obradoiros, cine, etc.

Para calquera consulta ao respecto, pódese contactar co Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche no teléfono 981 543 001.

Compartir: