UMAD

Xunta e Concello poñen en marcha unha campaña de prevención do consumo de drogas a través de móbil

27/06/2008 A iniciativa da Consellería de Sanidade, a Unidade Municipal de Atención ao Drogodependente (UMAD), da concellaría de Benestar Social, xunto con outras setes cidades galegas, porán en marcha as noite do venres 27 e do sábado 28 de xuño unha campaña de sensibilización entre os mozos sobre o consumo de drogas a través de envíos masivos de mensaxes de bluetooth a teléfonos móbiles.

A campaña vai dirixida a mozos de entre 14 e 20 anos baixo a mensaxe "E se che toca a ti?". O obxectivo é sensibilizar sobre as consecuencias do consumo do alcohol e as drogas e facer ver que a drogadicción non é exclusiva de ambientes marxinais, senón que afecta a todos os sectores sociais e a todos os grupos de idade.

A iniciativa consistirá no envío masivo durante a noite do venres 27 e o sábado 28 de mensaxes de móbil vía bluetooth con vídeos da campaña. Primeiro mandarase un texto preguntando se queren recibir información sobre a campaña "E se che toca a ti?", e os que o autoricen recibirán de forma gratuíta seis vídeos e mensaxes como "Cannabis, o seu consumo continuado (incluso menos de cinco anos) en adolescentes pode provocar ataques de pánico, alteracións da memoria, tristeza, angustia ou depresión".

Non se trata dun modo de comunicación invasivo, posto que é preciso que sexa aceptado polo receptor para que poida ser visionado e cada teléfono móbil recibirá unha única mensaxe, pois quedan rexistradas claves internas do terminal que impiden que se volva enviar unha nova mensaxe a cada teléfono. O aparato de envío masivo non ten capacidade para recoñecer o número telefónico do terminal que recibe a invitación nin o que descarga a mensaxe.

Trátase de ver o impacto que pode ter este novedoso medio de comunicación, altamente atractivo para os mozos. Rexistrarase o lugar de envío, a hora, o número de contactos realizados e a cantidade de mensaxes descargadas para ver a súa efectividade. Unha vez analizados os datos estudarase a viabilidade da súa utilización.

A orixe da iniciativa atópase na Consellería de Sanidade, na Subdirección Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias, que coordina esta actividade que se leva a cabo nas sete grandes cidades galegas.

Compartir: